As festas do Quince en Meira darán comezo o venres 14

TerraChaXa
O pregón programado para as 22.30 horas a cargo de Pili da Librería, dará paso a unha gran verbena que contará coas actuacións da orquestra Fórmula e a discoteca móbil Hermo Disco Truck
Festas-do-Quince-Meira
1 Aug 2026

A localidade de Meira prepárase para vivir os seus días grandes coa celebración das Festas do Quince, que se desenvolverán entre os días 14 e 17 de agosto na honra á Nosa Señora e San Roque.

As actividades arrancarán o venres 14 cun concerto da Banda de Música de Meira ás 19.30 horas, seguido do VI Trofeo Festas Vila de Meira que enfrontará ao equipo local contra o SD Pol. A animación continuará ás 20.30 horas coa charanga Mekanika Rolling Band e, tras o pregón programado para as 22.30 horas a cargo de Pili da Librería, dará comezo unha gran verbena que contará coas actuacións da orquestra Fórmula e a discoteca móbil Hermo Disco Truck.

O sábado, a xornada comezará desde a mañá coa creación dunha escultura en directo da man de Eugenio Linares, ademais do sorteo de 2000 puntos. A nivel relixioso, ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne e a procesión coa Banda de Música de Meira, dando paso á sesión vermú a cargo do grupo Rubí. Pola tarde disputarase un torneo 3x3 no Plantío ás 18.00 horas, mentres que a verbena nocturna estará amenizada pola orquestra Gran Parada e o propio Grupo Rubí.

Para o domingo 16, os actos relixiosos comezarán ás 12.30 horas coa saída da igrexa da procesión cara á Capela de San Roque, acompañada pola Banda de Gaitas de Meira, seguida da misa solemne ás 13.00 horas. O grupo D'Kriss encargarase de poñerlle ritmo á sesión vermú e repetirá pola noite na verbena compartindo cartel co Combo Dominicano.

Finalmente, o luns 17 de agosto pecharase a programación festiva cunha xira campestre que contará co dúo D'Cache tanto na sesión vermú coma na verbena, esta última acompañada tamén pola disco-móbil Patakiña.

0.11994314193726