As filloeiras de Muimenta estarán no cocido do Porco Celta celebrado en Madrid

TerraChaXa
Asistirán hostaleiros da comunidade, bloggers gastronómicos e outros integrantes do sector da alimentación, así como unha representación de gandeiros da asociación.
24 mar 2024

Asistirán hostaleiros da comunidade, bloggers gastronómicos e outros integrantes do sector da alimentación, así como unha representación de gandeiros da asociación.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) continúa coas súas accións de promoción dos produtos derivados desta raza porcina autóctona galega alén da nosa comunidade. Nesta liña, e nunha nova colaboración coa Casa de Galicia en Madrid, ofrecerá este luns 25 de marzo na capital española un xantar con cocido de Porco Celta ao que estarán convidados hostaleiros da comunidade, bloggers gastronómicos, medios especializados, representantes de distintas institucións e de asociacións galegas e da comunidade de Madrid, persoeiros da sociedade madrileña e outros integrantes do sector da alimentación de diversas zonas do país.

Ademais, nesta ocasión asistirá tamén unha representación de gandeiros desta raza, os cales tamén son operadores autorizados para o uso do logotipo 100% Raza Autóctona Porco Celta. “Este ano, acompañarannos varios gandeiros da asociación, que son os que mellor poden poñer en valor a calidade dos derivados do Porco Celta, así como dar conta do alto nivel da produción primaria en Galicia”, subliñaron os voceiros da asociación.

Como non podería ser doutro xeito, o protagonista do menú será o Porco Celta, feito seguindo o estilo tradicional da Festa do Cocido de Porco Celta da comarca de Sarria e composto por cachola, lacón, chourizos, botelo e soá. Como acompañamento, patacas coa IXP Pataca de Galicia, grelos coa IXP Grelo de Galicia, pan coa IXP Pan de Galicia e viño con DOP Ribeira Sacra. Para a sobremesa, tamén como novidade deste ano, contarán cos doces das Filloeiras de Muimenta, que prepararán estas elaboracións tipicamente galegas en directo para os asistentes.