As mulleres de Ínsua e o liño

TerraChaXa
Cando afondamos nas múltiples dimensións que o patrimonio cultural abrangue atopámonos facilmente con aquel estreitamente relacionado coa etnografía, unha ciencia ou ferramenta empregada para o estudo das prácticas culturais e sociais dun grupo humano, coma as súas costumes, historia, crenzas, contos, lingua, etc.
Míriam Fernández
11 Dec 2017

Cando afondamos nas múltiples dimensións que o patrimonio cultural abrangue atopámonos facilmente con aquel estreitamente relacionado coa etnografía, unha ciencia ou ferramenta empregada para o estudo das prácticas culturais e sociais dun grupo humano, coma as súas costumes, historia, crenzas, contos, lingua, etc. O patrimonio etnográfico constitúe por tanto o conxunto de bens materiais (apeiros, construcións, terreos agrícolas, etc.) e elementos inmateriais (festas, tradicións, costumes, cantigas, música, etc.) que representan a pegada da nosa sociedade tradicional e o xeito que esta tiña de relacionarse co seu entorno.

A Terra Chá está repleta de fermosas e importantes mostras do noso patrimonio etnográfico espalladas por todo a súa extensión, máis gran parte desta cultura tradicional vencellada ó rural está a esmorecer, debido principalmente ós drásticos cambios da sociedade actual, cargada de avances que transformaron a nosa forma de vida.

Ante esta implacable ameaza, na parroquia de San Bartolomeu de Insua, Vilalba, estase a levar a cabo unha importante laboura de recuperación etnográfica que ten como obxectivo fundamental dar a coñecer o traballo tradicional do liño, rescatando do esquecemento o seu cultivo e transformación. A impulsora deste proxecto foi a Asociación de Mulleres de Insua, grupo que leva nove sementando e traballando esta planta tal e como se facía antano nesta zona, dende a terra ao tear, pasando por mais dunha ducia de pasos (arrincado, ripado, enlagado, amantado, arrestrelado, etc.) a través dos cales se pode contemplar como esta herba se transforma paseniñamente nun prezado fío. Para esta tarefa recuperáronse apeiros que sobreviviran das queimas e a falta de uso nalgúns faiados e reproducíronse fielmente aqueles mais danados, os cales, da man da experiencia e sabedoría das mulleres maiores que viviran o cultivo do liño, voltaron a cobrar vida, servindo como punto de partida para recordar ou aprender todo o proceso de novo.

Ademais do traballo anual que require o liño, cada outubro, a Asociación de Mulleres de Insua recrea nunha xornada os traballos realizados nas antigas Tascas do liño, reunións de carácter comunitario nas que se procedía a eliminar a aresta (codia) que recobre a fibra mediante o amazotado e o tascado no banco tascón, nas que tampouco faltaba o cacho (leite fervida con pan e azucre) e, como non, a foliada.

Outros aspectos que se recuperaron con este proxecto etnográfico foron o léxico relacionado cos apeiros e tarefas (varían segundo a zona), cantigas e refráns, o tecido no tear, o traballo doutras fibras complementarias coma a la, pezas téxtiles antigas, apeiros, etc., motivando unha corrente de aprecio e interese cara os mesmos que impulsaron en moitos casos a recollida e salvagarda de pezas anteriormente infravaloradas.

Podemos resumir que esta laboura de recuperación etnográfica, que tamén se da a coñecer en centros educativos e eventos culturais, aposta fundamentalmente pola tradición, a promoción da artesanía galega, o patrimonio e transmisión da cultura do rural, un medio que da orixe a todo o que somos, unha fonte de sabedoría que ten aínda moito que aportarnos.

Míriam Fernández.

0.14553284645081