As piscinas exteriores da Madalena abren este luns ata o 31 de agosto

Vilalba dá a benvida ao verán coa apertura, este luns 15 de xuño, das piscinas exteriores do complexo da Madalena. O Concello anunciou o inicio dunha nova tempada estival para desfrutar das instalacións nun entorno natural privilexiado, nun espazo que xa é referente para o lecer na vila.
O horario de apertura das piscinas será continuo, de luns a domingo, entre as 12:00 e as 20:00 horas. As instalacións permanecerán abertas ata o 31 de agosto, coincidindo co final do verán.
Ademais, as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións poderán solicitar o uso gratuíto das instalacións entre as 12.00 e as 14.00 horas, mediante instancia xeral presentada no Rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica.
Para o resto e como nos anos anteriores, seguirán dispoñibles tanto as entradas diarias como os bonos para adultos e para nenos.
E antes da apertura das piscinas, hoxe abre tamén o bar da área recreativa da Madalena, que durante toda a tempada estival funcionará todos os días en horario de 7:00 a 00:00 horas.