As Pontes aborda os retos do futuro industrial ante o crecente interese empresarial por Galicia

As Pontes acolleu este xoves o coloquio As Pontes construíndo futuro, un encontro promovido pola Asociación de Empresarios Seara no que se abordou a situación actual do tecido industrial e os retos aos que se enfronta o desenvolvemento económico da comarca.
No marco da xornada participou o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, quen destacou o interese crecente de empresas por investir en Galicia e asegurou que a Administración autonómica analiza cada semana novos proxectos. Segundo sinalou, esta dinámica é “sinal de que as cousas se están facendo ben”.
Durante a súa intervención, Vázquez defendeu que existe “un contorno favorable” para que Galicia atraia novos investimentos grazas ás medidas impulsadas pola Xunta nos últimos anos. Entre elas, referiuse á estratexia de política industrial baseada nos plans directores dos nove sectores industriais declarados estratéxicos, así como ao Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais e ás novas figuras para acelerar a dispoñibilidade de solo industrial.
O responsable autonómico explicou que o obxectivo é favorecer a chegada de novas empresas e mellorar a competitividade do tecido produtivo galego, con especial atención á transformación dixital e tecnolóxica. “Traballamos para converter Galicia nun referente dentro da península no que se refire á atracción de empresas, ofrecendo condicións máis favorables que as doutras comunidades”, afirmou.
O coloquio permitiu tamén analizar a incidencia do actual contexto socioeconómico no desenvolvemento industrial de Galicia e as medidas adoptadas para facerlle fronte, nun encontro que contou coa participación de representantes do ámbito empresarial.
Vázquez subliñou ademais que a chegada de grandes investimentos debe ter un efecto tractor no territorio. Neste sentido, asegurou que a Xunta estará pendente de que estes proxectos contribúan á creación de cadeas de valor locais ao longo de todo o ciclo produtivo. “Temos os recursos e o talento”, afirmou.
Na reunión tamén estivo o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, quen destacou o momento “único” no que, ao seu xuízo, a Xunta de Galicia e o Concello están “completamente aliñados”. “Por primeira vez, e levo 20 anos en política, vexo unha colaboración, unha coordinación que vai máis alá do institucional e os resultados son exponenciais. É unha fórmula única en España e imparable”, sinalou.
O rexedor pontés tamén puxo en valor a “perseverancia e honradez absoluta da Xunta” e destacou a compra da nave de Einsa por parte do Goberno galego para a creación de emprego, unha operación que cualificou como “única en Galicia mirando polo interese xeral”. Ao mesmo tempo, resaltou a necesidade de apostar pola diversificación de cara ao futuro.
O secretario xeral de Industria aproveitou finalmente a súa participación para agradecer á Asociación de Empresarios Seara o traballo desenvolvido en apoio do tecido empresarial das Pontes e a súa colaboración coa Administración.