As Pontes abre o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais e nos cursos de natación

TerraChaXa | FerrolXa
A oferta inclúe actividades para nenos e nenas, persoas adultas e maiores, ademais de diferentes niveis de natación e propostas deportivas na piscina municipal
escolas-deportivas-as-pontes
21 Sep 2026

O Concello das Pontes abriu o prazo de inscrición para a tempada 2026-2027 nas Escolas Deportivas Municipais, na Escola Municipal de Natación e nas actividades deportivas da Piscina Municipal, cunha ampla oferta dirixida tanto á poboación infantil como ás persoas adultas.

No caso das Escolas Deportivas Municipais Infantís, as nenas e nenos poderán participar en disciplinas como atletismo, baloncesto, hóckey a patíns, escalada, kickboxing, patinaxe, pickleball, tenis, tiro con arco e ximnasia rítmica.

A programación para persoas adultas inclúe actividades de aeróbic, mantemento físico, ximnasia para persoas maiores e pilates, con propostas adaptadas aos diferentes perfís e necesidades.

A Escola Municipal de Natación ofrece diferentes niveis, desde Nivel 0 ata Nivel 3/4, ademais de natación para bebés, natación de iniciación, natación de perfeccionamento e aquagym. Os grupos organizaranse en diferentes días e horarios, con opcións tanto de mañá como de tarde.

A oferta complétase coas actividades deportivas na Piscina Municipal, que inclúen GAP, adestramento funcional e pilates.

As persoas interesadas en consultar a información e formalizar a inscrición poden facelo a través da páxina web municipal. Para máis información, tamén poden contactar co Departamento de Deportes no teléfono 981 452 602 ou no correo electrónico deportes@aspontes.org.

0.14273190498352