As Pontes abre o prazo para solicitar as axudas á escolarización

TerraChaXa
O Concello das Pontes abriu o prazo para solicitar ás axudas de apoio á escolarización para o curso académico 2018-2019.
18 Xuño 2018

O Concello das Pontes abriu o prazo para solicitar ás axudas de apoio á escolarización para o curso académico 2018-2019. Estas achegas están destinadas a atender os gastos de adquisición de libros e material escolar do alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos do municipio.

O goberno local destinará 30.000 euros a estas axudas cuns importes que serán de 30 euros no caso do primeiro ciclo de infantil, 100 euros no segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e secundaria e de 140 euros no caso dos ciclos formativos e bacharelato.

Os veciños empadroados nas Pontes, con ingresos anuais que non superen os 19.500 euros e  cunha parte do aforro da base impoñible non superior ós 300 euros poderán beneficiarse destas axudas.

Para solicitar estas achegas é necesario ter presentado a solicitude de reserva de matrícula ou de admisión nun centro público da localidade e estar ó corrente coas obrigas fiscais da Axencia Tributaria, Seguridade Social e Concello das Pontes. Ademais para acceder a estas axudas terase en conta a valoración da situación familiar do solicitante que se elaborará desde o departamento de Benestar Social do Concello das Pontes.

O pagamento da axuda realizarase por medio dun vale trocable nas distintas librarías das Pontes, con data límite ata o 31 de outubro de 2018.

O prazo para solicitar as axudas remata o 5 de xullo e é preciso cubrir a solicitude no rexistro xeral ou na sede electrónica do Concello así como achegar a documentación esixida. Os estudantes de bacharelato e ciclos formativos que realicen a matrícula no mes de setembro poderán presentar as súas solicitudes ata o 28 de setembro.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no Boletín Oficial da Provincia 113, do 15 de xuño de 2018 na páxina na web www.dicoruna.es, ou ben achegarse ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.

0.19086098670959