As Pontes acolle a proxección do documental 'Salvaxe, salvaxe' dentro do programa Outono das Artes

TerraChaXa | FerrolXa
A obra, estreada en 2024 e cunha duración de 86 minutos, ofrece unha reflexión sobre a natureza e a relación dos seres humanos co resto de seres vivos
NEDA fotograma salvaxe salvaxe
14 Oct 2026

A Casa Dopeso das Pontes acollerá o xoves, 15 de outubro, ás 20.00 horas, a proxección de Salvaxe, salvaxe, un filme dirixido por Emilio Fonseca que percorre os montes de Galicia e do norte de Portugal para seguir as pegadas e as ausencias do lobo ibérico. A actividade forma parte do programa cultural Outono das Artes, impulsado pola Deputación da Coruña, e contará cun coloquio co equipo da película.

A obra, estreada en 2024 e cunha duración de 86 minutos, ofrece unha reflexión sobre a natureza e a relación dos seres humanos co resto de seres vivos. A través dunha proposta cinematográfica que combina territorio, mitoloxía, ciencia e memoria, o documental cuestiona a forma na que representamos e entendemos aquilo que denominamos «salvaxe».

Salvaxe, salvaxe recibiu varios recoñecementos, entre eles a Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga e o premio ao Mellor Filme Galego no festival Play-Doc.

A sesión, con entrada libre, comezará cunha breve presentación antes da proxección. Ao rematar, o público poderá participar nun coloquio con Emilio Fonseca, director e coguionista do filme, e Xiana do Teixeiro, coguionista e produtora. O encontro permitirá coñecer máis de preto o proceso de creación da película e abordar cuestións relacionadas co cinema, o territorio, a biodiversidade e a relación coa natureza.

A proxección enmárcase no programa Outono das Artes da Deputación da Coruña, unha iniciativa cultural da institución provincial que achega distintas propostas artísticas e culturais á cidadanía de toda a provincia.

0.15718507766724