As Pontes acolle este domingo un obradoiro para aprender tecido circular

O domingo 8 de febreiro celebrarase nas Pontes un obradoiro de tecido circular dirixido a persoas interesadas en aprender ou iniciarse nesta técnica artesanal. A actividade desenvolverase no local da asociación en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, e permitirá coñecer paso a paso o proceso de tecer con agullas circulares, desde cero ata a elaboración dunha peza completa.
Durante o obradoiro ensinaranse os puntos básicos do tecido circular e cada participante poderá traballar no seu propio proxecto, elixindo entre confeccionar unha boina ou un chal. A proposta está pensada tanto para principiantes como para quen queira afianzar coñecementos e gañar soltura nesta técnica.
A actividade inclúe todo o material necesario, así como unha pequena merenda para as persoas asistentes. O obradoiro está organizado por Puntadas con Agarimo e será impartido por Ana Conde. As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a inscrición a través do teléfono 658 961 505.