As Pontes acolle o luns un coloquio centrado na educación na diversidade

O programa Espazo en Familia celebrará este 15 unha nova sesión formativa baixo o título Quen educa na diversidade, entende a diferenza, unha proposta orientada a reflexionar sobre a importancia da educación en valores e da convivencia coa diversidade desde as primeiras etapas da infancia.
A actividade desenvolverase entre as 10.30 e as 12.30 horas na Aula Polivalente da Casa Dopeso, situada no segundo andar do edificio. O coloquio estará guiado pola psicóloga xeral sanitaria Yésica Bouza, quen abordará diferentes aspectos relacionados coa construción da percepción da diversidade durante a infancia e o papel que desempeñan as familias neste proceso.
Durante a sesión analizaranse cuestións como a educación en valores no ámbito familiar, a orixe dos prexuízos, a importancia da empatía e da inclusión no desenvolvemento infantil e diversas ferramentas prácticas para aplicar no día a día da crianza.
A iniciativa está concibida como un espazo participativo no que as persoas asistentes poderán compartir experiencias, intercambiar impresións e adquirir recursos útiles para favorecer unha educación baseada no respecto ás diferenzas.
As inscricións poden realizarse a través do Departamento de Servizos Sociais, mediante formulario en liña, no teléfono 606 706 088 ou no correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com.
A actividade forma parte das accións promovidas polo Concello das Pontes no marco dos programas de apoio ás familias e de fomento da educación inclusiva.