As Pontes acolle unha investigación sobre unha nova tecnoloxía de medición forestal

Un consorcio de empresas galegas traballa nun proxecto innovador que mellorará a xestión dos recursos forestais co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Nexos. A directora da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Carmen Cotelo, asistiu a unha demostración do proxecto CUBia, na finca que ten Finsa na aldea A Panda de Adá nas Pontes, un proxecto que conta cun orzamento de 1,25 millóns de euros e unha axuda pública de máis de 700.000 euros.
O obxectivo desta iniciativa innovadora é substituír o método de medición da madeira manual, que presenta limitacións a nivel de cobertura territorial, precisión e custo, por un sistema descentralizado, remoto e dixital, baseado na captura de datos mediante sensores avanzados aerotransportados en UAV ou terrestres procesados a través de intelixencia artificial e validados con datos reais de fábrica.
Este innovador sistema, en cuxo desenvolvemento participan as empresas galegas Enxeñería Forestal Asefor de Narón (líder), Finsa de Santiago de Compostela, Fortop Topografía de Lugo e Geomático de Vigo; e colaboran a Universidade de Vigo e o Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), permitirá realizar unha cubicación forestal precisa, eficiente e que permita a rastrexabilidade, mellorando así a competitividade da industria madereira e a sustentabilidade dos recursos.
Carmen Cotelo destacou a contribución deste proxecto á modernización dun sector como o forestal, de grande relevancia para Galicia, e a importancia da colaboración entre empresas e centros de coñecemento para innovar e contribuír así ao progreso de Galicia. Por iso, a Xunta destinou 22,6 M€ para apoiar o desenvolvemento de 37 proxectos da convocatoria Nexos, con financiamento europeo a través dos fondos Feder 2021-2027.
Durante a xornada, os socios do proxecto realizaron unha presentación técnica ante os setenta asistentes e, posteriormente, fixeron unha demostración do traballo de campo coa tecnoloxía LIDAR, para finalizar coa exposición dos datos recollidos.
As empresas participantes apuntaron que esta iniciativa vén dar resposta a unha das necesidades da silvicultura moderna, que demanda información fiable, áxil e estandarizada. Así mesmo, sinalan que o proxecto se sitúa na vangarda da innovación forestal, ao combinar tecnoloxías de teledetección avanzada con intelixencia artificial para a estimación directa de peso e volume da madeira en pé.
Por último, o proxecto tamén investigará a aplicabilidade das tecnoloxías cuánticas na predición forestal, co apoio do centro tecnolóxico Instituto Tecnológico de Galicia.