As Pontes acolle o Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo

TerraChaXa
O salón de plenos do Concello das Pontes acolleu a presentación do Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo en categorías de base, que se vai celebrar os vindeiros sábado 24 e domingo 25 de febreiro nas instalacións da piscina municipal das Pontes.
campionato galego salvamento e socorrismo
campionato galego salvamento e socorrismo
22 Feb 2024

O salón de plenos do Concello das Pontes acolleu a presentación do Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo en categorías de base, que se vai celebrar os vindeiros sábado 24 e domingo 25 de febreiro nas instalacións da piscina municipal das Pontes.

Na presentación estiveron presentes Elena López, concelleira de Deportes, Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, e Daniel Vila, director deportivo.

A concelleira de Deportes agradecía á Federación que escollera as Pontes para celebrar este campionato, tralo éxito que supuxo a edición anterior, organizada no ano 2023, salientando tamén que "se trata dun evento deportivo que axuda a dinamizar economicamente o concello pola gran cantidade de xente que mobiliza unha actividade destas características".

Elena López, aproveitou a ocasión para agradecerlle ao persoal da piscina municipal a súa boa predisposición e colaboración na organización do campionato, e para convidar á veciñanza a gozar do espectáculo desta competición.

Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, destacaba que decidían organizar este campionato nas Pontes trala primeira experiencia do campionato que se celebrou no 2023, coa intención de repetir o éxito do ano anterior, e agardando tamén que supoña un incentivo para, nun futuro, poder crear un club de salvamento e socorrismo no Concello.

Pola súa banda, Daniel Vila, director deportivo da Federación, explicou que se trata dunha competición na que van participar máis de 350 deportistas pertencentes a 11 clubs que veñen de toda Galicia.

Durante a xornada do sábado 24, que comezará ás 10 da mañá, celebraranse os campionatos cadete e xuvenil, no que participan mozos e mozas dende os 13 aos 16 anos. Xa pola tarde, celebrarase unha segunda quenda de competición que dará comezo ás 4 da tarde. Xa o domingo 25 será a quenda dos campionatos alevín e infantil, no que compiten nenos e nenas dende os 6 aos 12 anos, e comezará tamén ás 10 da mañá, cunha segunda sesión que comezará ás 4 da tarde.

Daniel Vila quixo destacar o aumento da participación de competidores con respecto ao ano anterior, sobre todo nas categorías alevín e infantil, o que supón que o deporte do salvamento e socorrismo deportivo goza de boa saúde.

0.15093183517456