As Pontes acollerá un obradoiro de autocuidado para coidadores de persoas con dano cerebral adquirido

TerraChaXa
Durante a sesión tamén se ofrecerá información sobre os recursos de atención dispoñibles, as asociacións especializadas en dano cerebral e os servizos sociais comunitarios existentes
obradoiro-de-autocoidado-as-campeiras
2 May 2026

A asociación EuroEume organizará o vindeiro 6 de maio un obradoiro de Autocoidados para persoas coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido (DCA) nas instalacións da Asociación Veciñal As Campeiras, nas Pontes. A actividade, que estará impartida por Dano Cerebral Galicia, desenvolverase entre as 17.00 e as 19.30 horas e incluirá un certificado expedido pola Escola Galega de Saúde.

O obradoiro será gratuíto e estará aberto a todas aquelas persoas interesadas en ampliar coñecementos sobre os coidados, os autocoidados e o dano cerebral adquirido. A formación abordará cuestións como a discapacidade, a dependencia e a incapacidade derivadas do dano cerebral adquirido, así como o papel das persoas coidadoras, os distintos tipos de coidados, a sobrecarga emocional e física que pode sufrir a persoa coidadora e a importancia da corresponsabilidade nos coidados.

Durante a sesión tamén se ofrecerá información sobre os recursos de atención dispoñibles, as asociacións especializadas en dano cerebral e os servizos sociais comunitarios existentes.

As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa contactando co número de teléfono 981 440 668 ou a través do correo electrónico terapiaocupacional@euroeume.org
.

0.11540794372559