As Pontes acollerá unha charla para familias sobre a prevención e detección do acoso escolar e o ciberacoso

O Concello das Pontes organiza unha nova sesión do programa “Espazo en Familia”, centrada nesta ocasión no acoso escolar e na importancia da educación e da acción para romper co seu ciclo. A actividade terá lugar o luns 25 de maio, entre as 18.00 e as 20.00 horas, no soto da Casa Dopeso.
A xornada está dirixida a familias e busca ofrecer ferramentas útiles para identificar, abordar e previr situacións de violencia entre iguais, un fenómeno que, segundo se sinala desde a organización, non desaparece senón que se transforma e se adapta ás novas formas de relación, especialmente a través das redes sociais e do contorno dixital.
Durante a sesión abordaranse sinais de alerta que poden axudar a detectar posibles casos de acoso, así como pautas de actuación ante situacións de violencia entre menores. Tamén se ofrecerán recursos para acompañar nenos, nenas e adolescentes nestes contextos, con especial atención á prevención do ciberacoso e ao fomento dunha convivencia positiva.
O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de reflexión e aprendizaxe compartida que permita ás familias contribuír a un entorno seguro, respectuoso e de confianza para a infancia e a adolescencia.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do Departamento de Servizos Sociais do Concello das Pontes, mediante o formulario habilitado en liña ou contactando no teléfono 606 706 088 ou no correo espazoenfamilia@gmail.com.