As Pontes acollerá unha nova edición da carreira Greenpower Galicia

GaliciaXa | TerraChaXa | ACoruñaXa
O obxectivo desta carreira é o de percorrer a maior distancia posible, ou dar o maior número de voltas ao circuíto, usando unha única batería eléctrica sen recargar
equipo-carreira-castro-da-uz-as-pontes
15 Jun 2026

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e en colaboración coa Escudaría As Pontes motorsport, organiza, este xoves 18 de xuño, de 09:00 a 17:30 horas, no circuíto de karting pontés, a III Carreira Greenpower Galicia, un campionato non clasificatorio no que participan un total de 12 equipos nas categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos) procedentes de distintos puntos da comunidade autónoma, de Asturias e do País Vasco.

O obxectivo desta carreira é o de percorrer a maior distancia posible, ou o que é o mesmo, dar o maior número de voltas ao circuíto, usando unha única batería eléctrica sen a posibilidade de recargala ou de cambiala durante o percorrido. Para iso, o estudantado de ESO, de Bacharelato, de FP e de universidade participante poderá usar un vehículo eléctrico construído a partires dun kit básico proporcionado por Greenpower Iberia no que se inclúen as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis, o motor, así como un par de baterías, ou competir cun coche creado “desde cero”. Deste xeito, non gaña o equipo máis rápido senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible.

Os equipos participantes na categoría F24, de 11 a 16 anos, terán que superar unha proba de resistencia de 90 minutos de duración no circuíto de karting situado no Concello das Pontes, cambiando de condutor ou condutora, de xeito obrigatorio, nalgún momento da proba. Os equipos participantes na categoría F24+, de 16 a 25 anos, deberán superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración sen a obriga de mudar de condutor ou condutora do vehículo en ningún momento do percorrido.

Un ano máis, colaboran nesta iniciativa promovida pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) Greenpower Iberia, a Deputación da Coruña, o Concello das Pontes, o Concello de Ferrol, o grupo Intaf, a Carpintería Madesa das Pontes, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia e Supermercados Gadis.

Como novidade, no marco desta III Carreira Greenpower Galicia, terá lugar a exhibición dun vehículo eléctrico potenciado por hidróxeno construído polo profesorado e o alumnado do CIFP As Mercedes de Lugo no marco do Proxecto de Innovación “Mobilidade de Hidróxeno Verde en FP” que impulsa a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, xunto co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Nesta iniciativa de innovación docente tamén participan o CIFP Río Tormes de Salamanca e o IES Virgen de la Paloma de Madrid.

equpos-partyicipantes-na-greenpower-as-pontes
0.1437509059906