As Pontes adxudica o arrendamento dunha parcela municipal para o acopio de pezas eólicas

TerraChaXa | FerrolXa
O obxectivo é recuperar un espazo en desuso, facilitar a actividade empresarial e apoiar un sector industrial que xera arredor de 400 postos de traballo no municipio
Imaxe recurso de eólicos
13 Nov 2026

O Concello das Pontes vén de adxudicar á empresa GDES Wind, S.L. o contrato de arrendamento dunha parcela de titularidade municipal situada na parroquia de Espiñaredo, que se destinará ao acopio de pezas eólicas.

A través desta actuación, o goberno local pon en valor un espazo municipal que se atopaba sen aproveitamento, incorporándoo á actividade produtiva e facilitando o desenvolvemento dunha actividade empresarial vinculada a un dos sectores estratéxicos da economía local.

O concelleiro de planificación urbana, medio ambiente e novos proxecto, Manuel Rodríguez, salientou que esta licitación responde á vontade municipal de aproveitar os recursos dispoñibles e poñelos ao servizo da actividade económica e da creación de emprego. "Trátase de transformar un espazo que estaba en desuso nun recurso útil, facilitando que as empresas poidan desenvolver a súa actividade e contribuír á dinamización económica do municipio".

O edil incidiu tamén en que a adxudicación se levou a cabo mediante un procedemento público e aberto, ao que puido presentarse calquera empresa interesada. A licitación publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e, unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas e comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos, resultou adxudicataria GDES Wind, S.L.

"O obxectivo é dar utilidade ao patrimonio municipal, favorecer a actividade empresarial e facilitar oportunidades para sectores que teñen unha presenza moi importante no noso territorio. Cando dispoñemos de espazos que poden contribuír ao desenvolvemento económico, debemos traballar para que se convertan en recursos produtivos e xeradores de oportunidades", sinalou Manuel Rodríguez.

O sector eólico, un motor industrial e de emprego nas Pontes

Por outra banda, Manuel Rodríguez destacou a importancia da industria eólica para o presente e o futuro económico das Pontes, un sector que xera arredor de 400 postos de traballo no municipio a través de diferentes compañías que participan nas distintas fases da cadea de valor.

"O sector eólico é unha peza fundamental da industria das Pontes. Falamos dunha actividade que xera arredor de 400 postos de traballo no Concello e que conta cunha importante implantación industrial, con empresas que abarcan todo o proceso produtivo: desde o deseño dos parques eólicos, pasando pola súa construción, o transporte e a instalación dos equipos, ata o seu mantemento", explicou.

Manuel Rodríguez subliñou que esta diversidade de actividades evidencia o peso e a capacidade industrial do sector eólico no municipio, así como a importancia de seguir creando condicións que permitan ás empresas manter e desenvolver a súa actividade.

0.13888096809387