As Pontes celebra o aniversario do lago cunha nova edición do Mar de Lecer

O Concello das Pontes celebrará o 7 de agosto unha nova edición do Mar de Lecer, un evento cultural e lúdico organizado polo departamento de Cultura para conmemorar un novo aniversario do lago das Pontes, símbolo da transformación ambiental e do compromiso coa sustentabilidade.
A programación está deseñada para ofrecer unha tarde-noite de lecer para todos os públicos, cunha variada proposta de espectáculos de rúa, música en directo e animación, que converterán a contorna do lago nun gran espazo de encontro e celebración.
A festa dará comezo ás 18:00 horas coa actuación de Fredy Circanelo, que achegará ao público un espectáculo de circo contemporáneo e teatro de rúa no que o humor, os malabares, os equilibrios e a interacción co público serán os grandes protagonistas. Unha proposta familiar, participativa e chea de dinamismo pensada para sorprender a persoas de todas as idades.
Ás 20:00 horas, Troula Animación presentará Psicodelia, un espectacular pasarrúas inspirado na estética psicodélica, no que a cor, a música e a fantasía invadirán o lago. Personaxes de gran formato, zancudos, marionetas xigantes, efectos especiais, pompas, confeti e unha coidada ambientación visual converterán o espazo nun universo imaxinario, convidando ao público a formar parte dunha experiencia inmersiva e festiva.
A música tomará o relevo ás 21:30 horas coa actuación de Galifunk Brass, que chega ás Pontes coa súa Xira 26. A formación galega ofrece un directo cheo de forza e enerxía, no que mestura a potencia das brass bands cos ritmos do funk, o rock, o ska, o jazz e outros estilos actuais.
Ás 23:00 horas, o lago volverá ser o escenario dun espectáculo pirotécnico, un dos momentos máis agardados da xornada, que iluminará o ceo das Pontes e servirá para conmemorar un novo aniversario deste espazo natural convertido nun referente da recuperación ambiental.
A celebración rematará a partir das 23:15 horas coa sesión de DJ Chiña, que será a encargada de poñer o broche final á noite cunha proposta musical dinámica e festiva, combinando temas actuais e éxitos de diferentes estilos para manter o ambiente e convidar ao público a despedir a xornada bailando.
Desde o Concello das Pontes anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración, que combina natureza, cultura e diversión nunha das contornas máis singulares de Galicia e que volverá converter o lago nun punto de encontro para desfrutar dunha noite de verán en familia.