As Pontes celebra o Día das Bibliotecas con dous espectáculos para achegar a lectura e a cultura ao público infantil

O Concello das Pontes conmemora o Día das Bibliotecas cunha programación cultural que inclúe dous espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar, co obxectivo de fomentar o gusto pola lectura e espertar a imaxinación das nenas e nenos.
A primeira das propostas terá lugar hoxe, xoves 22 de outubro, ás 18:00 horas, en Alovi, coa representación de Rato Pérez, a cargo da Xanela do Maxín. Esta actuación enmárcase tamén no programa municipal Xoves na Biblio, que busca achegar os máis pequenos ao mundo dos libros a través de actividades culturais e de lecer.
A programación continuará o sábado 24 de outubro, tamén ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal das Pontes, co espectáculo Ramona Órbita, a dona do tempo, de Pakolas.
Con estas dúas actividades, o Concello quere poñer en valor o papel das bibliotecas como espazos que van máis alá dos libros, xa que permiten descubrir, aprender, compartir historias e achegarse á cultura desde idades temperás.
A iniciativa busca, ademais, favorecer experiencias positivas arredor da lectura e converter as bibliotecas en lugares de encontro e participación para as familias. O Concello anima a veciñanza a asistir ás propostas e sumarse á celebración do Día das Bibliotecas.