As Pontes celebrou o Día do Libro 2026 entregando os premios do concurso de marcapáxinas

O Concello de As Pontes viviu unha tarde marcada pola emoción, a música e a imaxinación con motivo da celebración do Día do Libro 2026. A Biblioteca Municipal converteuse no epicentro dunha actividade cultural que reuniu a numerosas familias e, especialmente, aos máis pequenos e pequenas, protagonistas dunha xornada inesquecible.
Un dos momentos máis destacados foi o concerto didáctico As aventuras de Jazzy e Blusy, interpretado por Paty Lesta e Cristian Leggiero. A proposta musical ofreceu unha viaxe polos ritmos do jazz e do blues, facendo participar activamente ao público infantil, que se integrou nunha gran orquestra improvisada chea de enerxía e entusiasmo.
A programación incluíu tamén a entrega de premios do II Concurso de Marcapáxinas, no que participaron preto de 70 nenos e nenas, amosando unha notable creatividade e implicación. Os galardóns foron entregados pola concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, acompañada por Amparo Bermúdez, profesora do IES Castro da Uz, a quen o Concello quixo agradecer de maneira especial a súa colaboración.
Na categoría infantil, a gañadora foi Renata Miranda Alfonso. En primeiro e segundo de primaria, o premio recaeu en Uriel Paderne Caaveiro. Na categoría de terceiro e cuarto de primaria, resultou gañadora Nora Romero Cendán, mentres que Ander Purriños Calvo foi finalista. Por último, en quinto e sexto de primaria, o gañador foi Roi Felgueiras Bouza, con Xulia Dopico Arias como finalista.
Desde o Concello destacouse o alto nivel dos traballos presentados e felicitouse a todas as persoas participantes polo seu talento e dedicación. Así mesmo, agradeceuse a asistencia e implicación do público, subliñando especialmente o papel dos nenos e nenas, que contribuíron a facer da celebración un evento único.