As Pontes celebrará o 1 de xuño coa Feira Científica Intercentros 'Ponte nas ciencias'

O salón de plenos do Concello das Pontes acolleu esta mañá a presentación oficial de “Ponte nas Ciencias”, a primeira feira científica organizada de maneira colaborativa por sete centros educativos do municipio, unha iniciativa que nace co obxectivo de achegar a ciencia á veciñanza, fomentar a participación do alumnado en proxectos científicos e crear espazos de encontro e colaboración entre a comunidade educativa.
A xornada celebrarase o vindeiro 1 de xuño na carpa situada no patio do CEIP Santa María e desenvolverase ao longo da mañá, desde as 09:30 ata as 13:30 horas, cun amplo programa de actividades abertas ao público, entre as que haberá exposicións científicas, demostracións experimentais en directo, actividades divulgativas e espazos interactivos deseñados e coordinados polo propio alumnado.
Durante a presentación do evento, a concelleira de Educación, Tania Pardo, destacou a importancia dunha iniciativa “que permite achegar a ciencia á cidadanía dunha forma máis próxima, accesible e participativa”, ao tempo que puxo en valor o traballo previo desenvolvido polos centros educativos a través dos clubs de ciencia e doutros proxectos vinculados á divulgación científica.
“Esta feira nace do enorme traballo que os centros educativos levan realizando desde hai tempo para espertar no alumnado o interese pola ciencia, promovendo actividades colaborativas e creativas que van moito máis alá das aulas”, sinalou a edil, quen tamén destacou a implicación do alumnado participante, “que dedica parte do seu tempo libre á preparación de experimentos, proxectos e propostas que agora poderán compartir con toda a veciñanza”.
Na presentación participaron tamén Andrea Patiño, profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES Moncho Valcarce, e Sabela García, directora do CEIP Santa María e coordinadoras da iniciativa, acompañadas por alumnado dos distintos centros implicados no proxecto.
Segundo explicaron, “Ponte nas Ciencias” xorde como unha proposta colaborativa creada “por e para o alumnado”, coa intención de ofrecer unha experiencia científica próxima e accesible nun contexto local, xa que este tipo de eventos adoitan celebrarse en grandes cidades ou espazos afastados da contorna máis inmediata do estudantado.
“As Pontes conta cun importante potencial educativo e científico, e parecía fundamental crear un espazo común no que o alumnado puidese compartir proxectos, colaborar entre centros e mostrar á sociedade o traballo que se realiza ao longo do curso”, indicaron as coordinadoras.
A feira pretende converterse tamén nun punto de conexión entre as diferentes etapas educativas, facilitando que o alumnado de Primaria coñeza os proxectos e espazos dos centros de Secundaria, contribuíndo así a reducir a incerteza e os medos asociados ao cambio de etapa.
Do mesmo xeito, a iniciativa busca reforzar a vinculación do alumnado máis maior coa ciencia, incidindo nunha visión participativa, dinámica e creativa do coñecemento científico.
Durante a xornada instalaranse diferentes postos científicos e espazos expositivos nos que se poderán visitar experimentos, maquetas, proxectos tecnolóxicos, demostracións prácticas e traballos realizados polo alumnado dos sete centros participantes.
Ademais, o evento contará cun “showlab”, un espazo de demostracións en directo no que se realizarán experimentos e actividades divulgativas orientadas a sorprender e achegar a ciencia ao público dunha forma entretida e didáctica.
A programación completarase coa participación dun equipo de radio escolar encargado de narrar o desenvolvemento da feira, realizar entrevistas e recoller as impresións das persoas participantes, así como cun grupo audiovisual que documentará esta primeira edición mediante a gravación dun vídeo resumo da xornada.
Desde a organización quixeron agradecer especialmente a colaboración do Concello das Pontes e de todo o persoal municipal implicado na preparación do evento, así como o compromiso do profesorado e alumnado participante.
A concelleira de Educación tamén recoñeceu o traballo realizado polos distintos departamentos municipais, Policía Local, persoal de obras e servizos e equipos técnicos que colaborarán no desenvolvemento da actividade “para garantir que todo transcorra nas mellores condicións”.
“Esperamos esta sexa a primeira de moitas edicións. Para o Concello é un orgullo poder apoiar unha iniciativa destas características, impulsada polos nosos centros educativos e polo alumnado, que demostra o enorme talento, implicación e capacidade creativa que hai nas Pontes”, sinalou.
Desde o Concello animan a toda a veciñanza a asistir o próximo 1 de xuño á primeira edición de “Ponte nas Ciencias” e descubrir de preto o traballo científico, creativo e divulgativo desenvolvido polos centros educativos do municipio.