As Pontes celebrará o seu primeiro Ecorally o vindeiro 7 de novembro

A proba, organizada polo Automóbil Club As Pontes, estará dirixida a vehículos 100 % eléctricos e híbridos e contará cun percorrido de 113 quilómetros por estradas do municipio. As inscricións permanecerán abertas ata o 2 de novembro.
O Automóbil Club As Pontes organizará este sábado, 7 de novembro, a primeira edición do Ecorally Vila de As Pontes, unha proba de regularidade destinada a vehículos 100 % eléctricos e híbridos que busca promover a condución eficiente e a mobilidade sostible, ao tempo que permite descubrir diferentes recunchos do municipio.
O percorrido total será de 113 quilómetros, dos cales 90 estarán repartidos en seis tramos cronometrados. A organización destaca que se trata dunha proba de carácter non deportivo, que se desenvolverá por estradas abertas ao tráfico e cunha velocidade media inferior aos 50 quilómetros por hora.
A competición contará con dúas categorías, eléctrica e híbrida. Haberá trofeos para os pilotos e copilotos dos tres primeiros clasificados de cada unha delas, así como para os vencedores dos trofeos de eficiencia en ambas as modalidades.
O prazo de inscrición remata hoxe, 2 de novembro. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación a través do formulario habilitado pola organización, dispoñible nesta ligazón.
A web do Automóbil Club As Pontes, www.automovilclubaspontes.com, recolle máis información e a documentación da proba.