As Pontes compra un inmoble para usos colectivos

TerraChaXa
O Concello das Pontes formalizou a compra dun inmoble na vila para usos colectivos por un valor de 61.
25 Xuño 2018

O Concello das Pontes formalizou a compra dun inmoble na vila para usos colectivos por un valor de 61.558 euros. Con esta adquisición o goberno local quere contribuír a fomentar a participación cidadá no municipio e ampliar a súa colaboración co tecido asociativo de As Pontes.

Este inmoble, situado no número 3 da Praza da Igrexa, albergará tanto actividades organizadas polo Concello, iniciativas desenvolvidas coa súa colaboración así como as levadas a cabo polo tecido asociativo local tales como xuntanzas, exposicións, obradoiros ou asembleas.

Esta compra supón a apertura dunha nova liña de colaboración coas asociacións que se suma ás xa postas e marcha a través da recuperación de antigos inmobles en desuso, o acondicionamento de espazos en edificios públicos e as achegas municipais anuais dirixidas a cubrir os gastos derivados das actividades que levan a cabo, durante todo o ano, estas entidades así como os gastos en infraestruturas e equipamentos.

Con esta sinatura, o Concello das Pontes dá tamén resposta a unha demanda histórica da Asociación de Veciños Lembranza da Vila e, reforza o seu compromiso coa recuperación e posta en valor do casco vello do municipio, fomentando e completando a súa oferta cultural e turística.

Tras este trámite, o goberno local habilitará un crédito para proceder á rehabilitación do inmoble e acondicionalo co obxectivo de que se converta no centro neurálxico do casco da Vila, o núcleo de poboación máis antigo e de maior valor histórico da localidade.

 

 

0.1890389919281