As Pontes conta cun encontro gastronómico intercultural este sábado co título 'Pratos con raíz'

TerraChaXa
Será este sábado, 4 de xullo, a partir das 11:30 horas, no local da asociación veciñal das Campeiras, organizado pola Asociación EuroEume
encontro-euroeume-gastronomico
1 Jul 2026

este sábado, 4 de xullo, a partir das 11:30 horas, terá lugar a segunda Xornada Intercultural Pratos con Raíz, un encontro cultural e gastronómico intercultural organizado pola Asociación EuroEume coa colaboración de Concello de As Pontes, Cáritas As Pontes e a Asociación veciñal As Campeiras.

"Con esta xornada pretendemos dar visibilidade á diversidade cultural presente no Concello das Pontes a través da gastronomía, para fomentar a integración das persoas migrantes da comarca do Eume, partindo da oportunidade que ofrece o coñecer, degustar e valorar as diferentes cociñas dos países de orixe destas persoas, as súas tradicións culinarias e culturais, e ao mesmo tempo promover que estas persoas coñezan algunhas das claves da cultura galega", explica a organización.

As persoas asistentes poderán desfrutar de pratos de diferentes países como Marrocos, Venezuela, Colombia, Cuba, Brasil, Paquistán, Paraguai ou Portugal, e ademais da oportunidade de coñecer unha pequena mostra da gastronomía destas culturas, organizaranse outras actividades interculturais para os máis pequenos como tatuaxes de henna, elaboración de trenzas ou deseño e estampación de pañoletas. A xornada estará amenizada pola música que interpretará en directo o grupo Los Tabernícolas.

A entrada e degustación dos pratos vai ser de balde pero agradécese a inscrición previa por cuestións de aforo. As persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 981 440 668 ou no e-mail euroeume@euroeume.org.

A xornada enmárcase dentro do programa Galicia Acolledora, financiado pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das axudas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF

0.1339418888092