As Pontes contará a próxima fin de semana cunhas xornadas gastronómicas a base de cogomelos

TerraChaXa
Están organizadas en colaboración co sector da hostalaría local e foron denominadas 'Ruta de sabores por 18 cociñas'
formacion-hostaleiros-rutas-gastronomicas
27 Oct 2024

O Concello das Pontes aposta pola gastronomía de cogomelos, organizando unhas xornadas gastronómicas que terán lugar dende o venres 1 ata o domingo 3 de novembro, dentro do programa municipal As Pontes, Terra de Cogomelos.

Elena López, concelleira de Promoción Económica e Turismo das Pontes e responsable da iniciativa, comentou que “son 18 establecementos hostaleiros os que participan nesta iniciativa ofrecendo unha enorme variedade de menús, pratos e tapas elaboradas a base de cogomelos e fungos silvestres presentes nos nosos montes”.

As xornadas gastronómicas están organizadas en colaboración co sector da hostalería local e foron denominadas Ruta de sabores por 18 cociñas, en alusión aos 18 restaurantes, mesóns e bares que ofrecerán estes ingredientes de tempada xunto con receitas tradicionais cuxo principal atractivo sexa poñer en valor o patrimonio culinario e natural da zona. Os establecementos son: Mesón 7 camiños, Cervecería Venus, Restaurante Hume, Restaurante Delapiccola, Mesón O Martínez, A Taberna de Pancho, Restaurante A Fervenza, Cervecería Medulio, Bar Trastoy 3, Bar O Encanto, A Caseta do Parque, Bar Calvo, Bar Isabel, Bar Excálibur, Bar O Colador, Bar Segunda Cueva, Bar Safari e Sárum Varietés.

Elena Lopéz tamén destacou que esta é “unha oportunidade perfecta para que os veciños e visitantes que nos visiten na Feira de Cogomelos descubran a creatividade da restauración pontesa”.

Precisamente as xornadas micogastronómicas rematarán o día 3 de novembro cunha nova edición da Feira de Fungos e Cogomelos, un evento de encontro para amantes da natureza de outono e da boa mesa, xa que ese día tamén se habilitará unha carpa para comer un menú de degustación.

Por outra banda, continúan as actividades do programa As Pontes, Terra de Cogomelos ata finais de novembro, con talleres, saídas ao monte para identificación, faladoiros para a presentación de guías micolóxicas e dous concursos de cociña. Para participar nas xornadas só é preciso reservar praza, inscribíndose previamente a través do seguinte enlace

0.16259598731995