As Pontes e a UDC poñen en marcha unha nova edición da Universidade Sénior

TerraChaXa
O Concello das Pontes acollerá, durante os meses de marzo e abril, a quinta edición da Universidade da Sénior da Universidade da Coruña.
UNIVERSIDADE SENIOR AS PONTES UDC
15 Feb 2023

O Concello das Pontes acollerá, durante os meses de marzo e abril, a quinta edición do programa de democratización do coñecemento para persoas maiores de 50 anos da Universidade da Sénior da Universidade da Coruña.

A acción formativa que se levará a cabo este ano ten como obxectivo prioritario revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día, e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e as vivencias.

Tania Pardo, responsable de Benestar Social do Concello das Pontes apunta que “con este programa, ambas entidades, tratamos, un ano máis de achegarnos ás persoas maiores de 50 anos da vila, promover o envellecemento activo dando resposta as súas inquedanzas e necesidades formativas como vimos facendo de forma conxunta desde o ano 2018.”

As materias que se impartirán a través de diferentes seminarios pertencen a tres grandes áreas temáticas: Arte e Humanidades,Ciencias Xurídicas e Sociais e Ciencias da Saúde e serán impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, no auditorio da Casa Dopeso, os luns e os martes, de 17:00 a 19:00 horas.

Cada seminario inclúe tres sesións teóricas e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna así como un obradoiro sobre exercicio físico e un taller no que simulará un xuízo.

No módulo dedicado á arte e humanidades achegaranse a figura de Michel de Montaigne da man do profesor Alberto Sucasas Peón, farán un percorrido pola figura da muller no mar co profesor Raúl Villa Carro e coñecerán máis de preto a figura de Édouard Manet coa profesora Estefanía López Salas mentres que a través do módulo dedicado á ciencia e a tecnoloxía afondarán co profesor J. Luis Calvo Rolle no binomio inquebrantable formado por ambas disciplinas , achegaranse á xeobotánica co profesor Javier Cremades Ugarte e coñeceran o que din os fósiles sobre a historia de Galicia da man da profesora Aurora Mª Grandal D’Anglade.

Finalmente no terceiro módulo do programa, dedicado ás ciencias da saúde, da man da profesora Isabel Raposo Vidal aprenderán educación para a saúde desde o exercicio físico, co profesor Miguel Santiago saberán como poñerlle cordura á alimentación e o exercicio e finalmente, as profesoras Betania Groba Martínez e Laura Nieto Riveiro abordarán o papel da tecnoloxía na saúde e na vida activa.

A inscrición, que é gratuíta, poderá realizarse de xeito on-line a través do espazo web UDC Sénior As Pontes (https://universidadesenior.org/as-pontes/) ou presencialmente a través da Secretaría de Alcaldía do Concello das Pontes , dende o 15 de febreiro ata o 2 de marzo.

0.1174578666687