As Pontes Ecuestre regresa este sábado consolidándose no calendario hípico da comunidade

A IV edición de As Pontes Ecuestre congregará este sábado na contorna do Lago a preto de 200 xinetes e amazonas. Cumpre as expectativas, e unha vez pechado o prazo de inscricións, mantense en rexistros similares de participación respecto ao 2025. Serán así ao redor de 100 as saídas a pista previstas no Concurso de Saltos Territorial, coa participación de 90 xinetes e amazonas e outros 70 deportistas na proba do Campionato Galego de Andadura -unha cifra que aínda podería medrar máis coas inscricións o mesmo sábado-. Así mesmo, o espectáculo do horseball regresa ao evento, con tres equipos e unha vintena de participantes.
O Club Hípico Prado Ventura lidera a organización do certame, que volve contar nesta edición co apoio clave do Concello das Pontes e da Federación Hípica Galega. Ademais, a Deputación da Coruña respalda de novo o evento, patrocinando a segunda edición da Liga Ferrol-Eume-Ortegal. As Pontes inaugura o calendario desta competición por clubs na que participarán xinetes e amazonas de Prado Ventura, así como os de Equo Alalma (Ferrol) e da Granxa do Souto (Ortigueira). Todos eles e elas acumularán puntos nas súas participacións para o ránking da liga, que continuará en Ferrol o 14 de xuño e concluirá o 27 do mesmo mes en Ortigueira.
Tras ensaiar con éxito a fórmula en 2025, As Pontes Ecuestre repetirá dinámicas, e irá alternando na pista as probas do Concurso de Saltos e o Campionato Galego de Andadura, en lugar de celebralas ao mesmo tempo. Deste xeito, o público poderá seguir as dúas competicións sen necesidade de elixir entre unha e outra.
A xornada comezará sobre as 10:30 horas coa recepción de xinetes e amazonas, de modo que a competición se inicie contra as 11:00 horas. As probas sucederanse sen descanso, e coa mencionada alternancia, ata as 18:30 horas. O torneo de horseball desenvolverase de 13:30 a 14:30 horas, e ao mediodía, celebrarase a primeira entrega de trofeos a cargo do deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, acompañado da concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco. E xa pola tarde, segunda entrega e clausura, a cargo do alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tamén xunto á edila de Deportes e Turismo.
A técnica de Prado Ventura, Noa García, animaba ás familias a acudir este sábado á contorna do lago e desfrutar do espectáculo ecuestre, e recordaba que os máis pequenos e pequenas da casa poderán participar nos bautismos hípicos de balde que o club anfitrión celebrará entre os descansos das probas. Unha iniciativa coa que continuar creando afección por este deporte.
HORARIOS
- 10:30 horas: Recepción de caballos.
- 11:00 a 14:00 horas: Campeonato Gallego de Andadura.
- 12:00 a 13:20 horas: Concurso hípico. Pruebas de 0,30 y 0,50 metros.
- 13:30 a 14:30 horas: Torneo de horseball.
- 14:30 horas: Entrega de trofeos del Campeonato de Andadura.
- 15:30 a 18:20 horas: Concurso hípico. Pruebas de 0,80 y 1,00 metros.
- 18:30 horas: Entrega de trofeos de horseball, del concurso hípico y clausura.