As Pontes encherá as rúas de actividade coa programación deste Nadal

TerraChaXa | FerrolXa
O musical ‘O libro da selva’, o Festival de Maxia, os concertos de Mamá Cabra e Os Satélites, a proposta Nadalia e a tradicional Cabalgata de Reis serán algunhas das principais citas
cabalgata-reis-as-pontes
27 Nov 2026

O Concello das Pontes deu a coñecer a programación municipal de Nadal 2026/27, que incluirá actividades culturais, musicais e de lecer para diferentes idades. A oferta desenvolverase ao longo das próximas semanas e contará con espectáculos teatrais, concertos, cine, maxia, actividades infantís, propostas deportivas e actos tradicionais destas datas.

Xunto coa programación, o Concello presentou o cartel anunciador do Nadal das Pontes 2026/27, realizado pola deseñadora local Laura Decibreiro. A proposta gráfica, de estética fantástica, inclúe personaxes de conto, unha gran lúa, estrelas e unha vila iluminada, elementos cos que a autora representa o ambiente propio destas festas.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou a importancia de recoñecer o traballo creativo e a autoría artística, especialmente nun contexto no que a intelixencia artificial está a transformar os procesos de produción de imaxes e contidos. Neste sentido, sinalou que «nun momento no que a intelixencia artificial está a transformar a forma de producir imaxes e contidos, é importante reivindicar e poñer en valor o traballo das persoas creadoras, o seu talento, a súa sensibilidade e a súa capacidade para transmitir emocións a través da arte. Detrás dunha creación hai unha mirada propia, unha idea, tempo e dedicación que debemos recoñecer e apoiar».

Tenreiro tamén agradeceu a Laura Decibreiro a súa contribución á identidade visual destas festas e subliñou que «contar co talento dunha deseñadora local para ilustrar estas festas é tamén unha maneira de apoiar a creación artística de proximidade, dar visibilidade ás persoas creadoras do noso municipio e recoñecer o valor da cultura feita desde aquí».

Espectáculos, música e actividades culturais

A programación comezará o xoves 3 de decembro, ás 18:00 horas, co Obradoiro creativo de Nadal. Comeluz Artista, incluído no programa Xoves na Biblio. A actividade, dirixida a nenos e nenas maiores de cinco anos, terá lugar na Biblioteca Municipal e require inscrición previa no teléfono 981 102 562.

O venres 4 de decembro, ás 18:30 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá O libro da selva, o musical, de Ártika Cía. Trátase dun espectáculo familiar de 50 minutos de duración, recomendado para maiores de tres anos. As entradas teñen un prezo de cinco euros.

O sábado 5 de decembro, ás 19:00 horas, celebrarase no Parque Municipal o acendido da iluminación de Nadal, acto que marcará o inicio das celebracións destas festas na vila.

A programación continuará o xoves 10 de decembro, ás 18:00 horas, con Contos de Nadal, de Cris de Caldas e Miguel Froján, dentro do programa Xoves na Biblio. A actividade terá lugar na Casa Dopeso e está dirixida ao público infantil maior de tres anos.

O venres 11 de decembro, ás 20:00 horas, a Casa Dopeso será escenario do Concerto de Nadal da Rondalla Vila das Pontes, que contará coa participación da Rondalla O Castro de Miño. A actuación terá unha duración aproximada de 60 minutos.

O sábado 12 de decembro celebrarase a gala benéfica das escolas de baile moderno e danza clásica Soños, a favor de ADCAI (Axuda ao Dano Cerebral Adquirido Infantil). O espectáculo ofrecerá tres funcións no Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 16:30, 18:00 e 20:30 horas.

O mércores 16 de decembro, ás 19:00 horas, o mesmo auditorio acollerá o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Acordeóns, cunha duración de 75 minutos.

Pola súa banda, o xoves 17 de decembro, ás 18:00 horas, o programa Xoves na Biblio incluirá o espectáculo de monicreques O castiñeiro do Apalpador, de Fantoches Baj. A proposta está dirixida a nenos e nenas maiores de seis anos e toma como referencia unha das figuras máis representativas da tradición do Nadal galego.

O venres 18 de decembro, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá a representación teatral de As damas de Ferrol, de Teatro do Noroeste. A obra ten unha duración de 90 minutos e está recomendada para maiores de 14 anos.

A actividade musical continuará o sábado 19 de decembro, a partir das 18:00 horas, co Baile de Nadal e a actuación da orquestra Os Satélites, que terán lugar no patio do Colexio Santa María.

Quinta edición do Festival Internacional de Maxia

O domingo 20 de decembro, ás 19:00 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá o V Festival Internacional de Maxia As Pontes ten Maxia. A quinta edición desta gala reunirá seis artistas do ámbito internacional do ilusionismo: Dani Polo, Otik Art, Isaac Jurado, Cástor & Pólux, Jimmy Delp e An Ha Lim.

O espectáculo, cunha duración de 90 minutos, combinará diferentes disciplinas e estilos da maxia e o ilusionismo e estará dirixido a espectadores de todas as idades. As entradas terán un prezo de 12 euros.

A programación musical retomarase o luns 21 de decembro, ás 17:00 horas, co Concerto de Nadal do Conservatorio de Música das Pontes, no Auditorio Municipal Cine Alovi. A actuación terá unha duración aproximada de 60 minutos.

O martes 22 de decembro, ás 18:00 horas, será a quenda de Mamá Cabra, unha das formacións de referencia da música infantil galega. O concerto, que terá lugar no Auditorio Municipal Cine Alovi, durará 70 minutos e estará dirixido ao público maior de tres anos. As entradas terán un prezo de cinco euros.

O mércores 23 de decembro, ás 19:30 horas, o auditorio acollerá o Concerto de Nadal da Escola de Música da Banda de Música das Pontes, cunha duración aproximada de 80 minutos.

Ese mesmo día, ás 20:00 horas, a Biblioteca Municipal será escenario da presentación do libro El reflejo de Mur-Entek, de Hécate de Doria.

O xoves 24 de decembro, a charanga Os Celtas percorrerá as rúas da vila con pasarrúas en horario de mañá, entre as 12:00 e as 14:00 horas.

Nadalia, catro xornadas de actividades infantís e xuvenís

A programación de Nadal incluirá tamén Nadalia, a vila do Nadal, unha iniciativa de carácter lúdico, educativo e participativo que se desenvolverá no patio do Colexio Santa María durante as vacacións escolares. O espazo estará destinado a nenos, nenas e mozos e contará con actividades de xogo, creatividade e experimentación.

A proposta terá lugar os días 28, 29, 30 e 31 de decembro, cunha programación organizada en catro xornadas temáticas. A iniciativa combina diferentes alternativas de lecer activo e compartido, con especial atención á interacción persoal, a creatividade, o movemento, a convivencia e a aprendizaxe a través da experiencia, fronte ao consumo exclusivamente dixital.

Cada xornada contará cunha temática e cunha oferta de actividades adaptada aos intereses e ás idades dos participantes.

O 28 de decembro, baixo o título O Nadal dos Inventos, as actividades estarán centradas na experimentación e na creatividade. Haberá obradoiros de manualidades, actividades científicas adaptadas á infancia, propostas de cociña, retos de construción e espazos de creación libre nos que os participantes poderán explorar e desenvolver a súa imaxinación.

O 29 de decembro, A Gran Feira dos Xogos estará dedicada ao xogo colectivo, con xogos populares e tradicionais, estruturas lúdicas xigantes, estacións de xogo, retos de habilidade e dinámicas de cooperación por equipos.

O 30 de decembro, Nadal en Movemento centrarase na actividade física e no deporte. A xornada incluirá circuítos de habilidades, xogos con balón, actividades deportivas adaptadas, probas de equilibrio, velocidade e precisión, así como retos individuais e colectivos. Con estas propostas búscase fomentar hábitos saudables e favorecer a participación a través do xogo.

Por último, o 31 de decembro celebrarase A Gran Festa de Fin de Ano, cunha programación que incluirá elementos inchables, estruturas de xogo recreativo, animación musical, sesións de baile e actividades especiais para despedir o ano.

As actividades desenvolveranse no patio do Colexio Santa María en horario de 16:00 a 20:00 horas os días 28, 29 e 30 de decembro. O día 31, a programación terá lugar en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Con Nadalia, o Concello busca ofrecer á infancia e á mocidade un espazo de encontro e participación durante as vacacións escolares, combinando diversión, aprendizaxe, actividade física e relacións sociais.

Teatro, animación musical e deporte para rematar o ano

A oferta teatral continuará o martes 29 de decembro, ás 20:30 horas, coa representación de O medo meu, de Teatro O Catre, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

A animación musical nas rúas terá continuidade o xoves 31 de decembro coa actuación da Charanga da Carmiña, que percorrerá a vila entre as 12:00 e as 14:00 horas.

Ese mesmo día, ás 16:30 horas, celebrarase a tradicional Carreira de San Silvestre na rúa Alexandre Bóveda. A cita deportiva permitirá á veciñanza despedir o ano coa práctica de actividade física e nunha xornada de convivencia.

Programación cinematográfica de Nadal

O cine terá tamén un espazo destacado na programación municipal, cunha selección de películas dirixidas ao público infantil, familiar e adulto que se proxectarán na Casa Dopeso. A carteleira incluirá, ademais, unha sesión neurodiversa de Nadal.

As primeiras proxeccións terán lugar os días 5 e 6 de decembro, con dúas películas: Wildwood. El bosque salvaje, ás 17:00 horas, e Ruega por nosotras, ás 20:00 horas.

Wildwood. El bosque salvaje ten unha duración de 130 minutos e está recomendada para maiores de 12 anos. Pola súa banda, Ruega por nosotras, de 136 minutos, está dirixida a público maior de 16 anos. Esta última película contará cunha nova sesión o domingo 13 de decembro, ás 19:30 horas.

O sábado 26 e o domingo 27 de decembro proxectaranse Hechizo: Bienvenidos a Hexe, ás 17:30 horas, e El director, ás 20:00 horas. A primeira película ten unha duración de 103 minutos e está recomendada para todos os públicos, mentres que a segunda dura 115 minutos e está dirixida a maiores de sete anos.

Unha das propostas específicas da programación cinematográfica será a sesión neurodiversa de Nadal, prevista para o martes 29 de decembro, ás 17:30 horas, na Casa Dopeso, coa proxección de Ratones al ataque. Operación Navidad.

Esta sesión incorpora a perspectiva da neurodiversidade á oferta cinematográfica e amplía as posibilidades de participación e desfrute da programación. A película ten unha duración de 80 minutos e está recomendada para todos os públicos. Ademais desta sesión especial, poderá verse tamén o mércores 30 de decembro, ás 17:30 horas.

Os días 29 e 30 de decembro, ás 20:00 horas, proxectarase El mal padre, unha película de 119 minutos recomendada para maiores de 16 anos.

A programación cinematográfica completarase os días 2 e 3 de xaneiro con novas sesións, cuxos títulos e horarios poderán consultarse na carteleira semanal.

A Cabalgata de Reis pechará a programación

As actividades municipais prolongaranse ata o mes de xaneiro e concluirán o martes 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis Magos.

A comitiva sairá ás 18:00 horas da rúa Monte Caxado e percorrerá diferentes rúas da vila. Ao remate do percorrido, terá lugar a recepción real no Auditorio Municipal Cine Alovi, onde as nenas e os nenos poderán saudar aos Reis Magos.

A programación municipal de Nadal 2026/27 reúne así propostas culturais, musicais, cinematográficas, deportivas e de lecer para diferentes públicos e idades. A iniciativa incorpora tamén o apoio á creación artística local, a promoción da cultura de proximidade e actividades destinadas a favorecer a participación e a convivencia durante estas datas.

As entradas dos espectáculos que dispoñan de venda anticipada poderán adquirirse a través da plataforma https://aspontes.sacatuentrada.es/.

Tamén estarán dispoñibles na billeteira do Auditorio Municipal Cine Alovi unha hora antes do comezo de cada función.

0.15491199493408