As Pontes enfróntase á desaparición da actividade de impresión de Einsa, tras confirmarse un novo ERE

TerraChaXa
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, cualificou este novo golpe como consecuencia directa da transformación do sector coa desaparición do papel en favor do dixital
concentracion-einsa-ere-endesa
20 Jun 2025

A empresa Einsa, especializada no sector das artes gráficas e con instalacións no polígono industrial de Penapurreira, nas Pontes (A Coruña), vén de anunciar aos representantes sindicais un novo expediente de regulación de emprego (ERE) que suporá, nesta ocasión, o peche definitivo da súa actividade de impresión. A nova agrava aínda máis a situación laboral dunha compañía que leva anos inmersa nun proceso de declive progresivo.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, cualificou este novo golpe como consecuencia directa da transformación do sector coa desaparición do papel en favor do dixital. Nun acto celebrado en Ferrol, o rexedor socialista lembrou que o pasado ano xa se aplicara un ERE que afectou a case a metade do persoal que quedaba na planta, "que xa era moi reducido respecto ao que fora anos atrás".

Agora, coa eliminación total dos postos vinculados á impresión, a situación laboral na zona complica aínda máis o panorama para os traballadores afectados e para o futuro industrial da vila. Formoso advertiu que o municipio entra nun "novo período" e apelou á necesidade de chegar a "acordos positivos" entre a empresa e o cadro de persoal durante as negociacións do ERE.

O alcalde insistiu na importancia dunha resposta conxunta das administracións públicas para garantir unha saída digna aos empregados afectados. "Entre todas as administracións debemos facer o posible para que estas persoas poidan acceder a un novo posto de traballo nas mellores condicións laborais posibles", concluíu, reafirmando o compromiso institucional coa procura de alternativas viables para o futuro laboral das Pontes.

⚙ Configurar cookies
0.15476393699646