As Pontes esixe unha reunión para falar da declaración BIC para a cheminea da térmica
O grupo de traballo local por unha transición xunta esixe a convocatoria dunha reunión urxente co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e co vicepresidente primeiro, Francisco Conde, ante o inicio dos trámites para declarar a cheminea da central térmica da vila como Ben de Interese Cultural (BIC), decisión adoptada de xeito unilateral polo executivo autonómico.
O grupo local de traballo, no que están representados o Concello das Pontes, CC.OO, CIG, UGT,o comité de empresa de Endesa, Cohempo, Seara e a Asociación de Transportistas do Carbón, reclama ao goberno autonómico unha explicación sobre os motivos polos cales se puxo en marcha este proceso administrativo así como a súa afección a curto, medio e longo prazo en termos socioeconómicos.
Dada a cautelas propias dun ben protexido coas que contará a cheminea de ser declarada BIC , o grupo de traballo local reclama a convocatoria inmediata desta reunión para aclarar e coñecer o impacto que podería ter, entre outras cuestións, o mantemento da infraestrutura, as posibles limitacións que existirían para a implantación de novos proxectos industriais para a zona, o impacto sobre o proceso de desmantelamento así como no emprego vencellado.
O grupo local tamén remarca a urxencia desta convocatoria habida conta de todas as solicitudes dirixidas con anterioridade ao goberno autonómico para poder tratar a situación a futuro do complexo, os seus traballadores e traballadoras e os futuros proxectos vencellados, coñececedores da importancia e reprecusión que a central térmica ten sobre o emprego e a economía a nivel comarcal e autonómico.