As Pontes estrea en maio un novo festival de jazz, PULSO

O Concello das Pontes presenta PULSO, un novo festival que nace coa vontade de converterse nun punto de encontro arredor do jazz e da creación contemporánea en Galicia.
Durante os días 8 e 9 de maio, o Auditorio Cine Alovi acollerá a primeira edición deste encontro, pensado como un espazo para escoitar con calma e deixarse levar pola experiencia da música ao vivo, afastándose das présas e apostando por unha relación máis íntima co son e cos artistas.
Esta primeira edición reúne tres das propostas máis singulares e atractivas do jazz galego actual, configurando un cartel que destaca pola súa diversidade de linguaxes e sensibilidades.
Desde a reinterpretación de repertorios clásicos de Copos de Avena ata a improvisación contemporánea da Orquestra Galega de Liberación, pasando pola hibridación de xéneros que propoñen Abe Rábade e Antía Muíño, PULSO ofrece unha panorámica rica e aberta da creación musical do país.
A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, sinala que “PULSO nace coa intención de ofrecer unha proposta cultural diferente, centrada na escoita atenta e na calidade artística, creando un contexto no que o público poida conectar coa música dun xeito máis profundo”.
Ademais, subliña que “este festival é tamén unha oportunidade para visibilizar o talento musical galego e apoiar proxectos que exploran novas vías dentro do jazz e da creación contemporánea”. Na mesma liña, engade que “desde o Concello seguimos traballando para ampliar e diversificar a oferta cultural das Pontes con iniciativas que contribúan a consolidar o municipio como un referente cultural”.
A programación comezará o xoves 8 de maio ás 20:30 horas con Copos de Avena, un cuarteto que explora a herdanza da música latinoamericana desde a liberdade do jazz, combinando boleros, bossa nova e repertorio contemporáneo nun diálogo entre tradición e vangarda. A continuación, o escenario acollerá o encontro entre Abe Rábade e Antía Muíño, que constrúen un universo sonoro no que conflúen a canción de autor, o jazz e a música tradicional galega a través de piano, voz, guitarra e pandeireta, nunha proposta íntima e sensible.
A segunda xornada, o venres 9 de maio ás 20:00 horas, estará protagonizada pola Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo, unha formación que traballa coa improvisación dirixida a través do soundpainting, un sistema de creación en tempo real que converte cada concerto nunha experiencia única, aberta e imprevisible.
Con esta primeira edición, PULSO sitúase como unha nova cita cultural nas Pontes, apostando pola creación contemporánea e pola conexión entre artistas e público a través dunha escoita máis consciente.
As entradas para os concertos poranse á venda nos próximos días a través das canles habituais.