As Pontes estrea un parque canino de 775 metros cadrados

TerraChaXa | FerrolXa
O novo espazo conta con sete elementos de adestramento e enriquecemento canino e supón un investimento de aproximadamente 20.000 euros
parque-canino-as-pontes
17 Sep 2026

O Concello das Pontes vén de poñer en funcionamento un novo parque canino de 775 metros cadrados na Canle IV, un espazo destinado ao exercicio, o lecer e a socialización dos animais, nun contorno seguro e adaptado ás súas necesidades.

A nova instalación ofrece ás persoas propietarias de mascotas un lugar específico no que os cans poden correr, xogar, explorar e interactuar con outros animais, contribuíndo ao seu benestar e favorecendo, ao mesmo tempo, unha convivencia responsable no ámbito urbano.

“Con esta actuación incorporamos un novo servizo ao municipio e poñemos a disposición das familias con mascotas un lugar axeitado para o exercicio, o lecer e a socialización dos seus animais, favorecendo ao mesmo tempo unha convivencia responsable”, sinalan desde o Concello.

A posta en marcha do parque supuxo un investimento de preto de 20.000 euros e incluíu diferentes actuacións para a adecuación do espazo. Os traballos de preparación e nivelación do terreo, achega de zahorra e drenaxe foron realizados con medios propios do Concello. Tamén se instalou un peche perimetral para garantir a seguridade dos animais e facilitar o control dos accesos.

O recinto conta, ademais, con sete elementos de adestramento e enriquecemento canino: túnel, balancín, salto de altura, salto de lonxitude, empalizada, pasarela e roda.

O equipamento foi seleccionado atendendo a criterios de seguridade, resistencia e durabilidade, e está deseñado para o uso de cans de diferentes tamaños e características. Os distintos elementos permiten traballar capacidades como o equilibrio, a coordinación, a axilidade, a forza, a confianza e a orientación, combinando actividade física e estimulación mental.

O Concello lembra a importancia de facer un uso responsable da instalación, respectando as normas de convivencia, mantendo limpo o recinto e garantindo en todo momento o respecto tanto aos animais como ao resto das persoas usuarias.

Con esta actuación, o Concello das Pontes pon a disposición da veciñanza un novo equipamento público destinado ao benestar das mascotas e á promoción dunha convivencia responsable, ofrecendo un espazo adecuado para o exercicio e a socialización dos animais.

0.1563549041748