As Pontes inaugura o centro expositivo da maquinaria mineira

TerraChaXa
O Concello das Pontes inaugurará o xoves, 30 marzo, ás 19:30 horas, o Centro Expositivo da Maquinaria Mineira das Pontes (CEMAM).
centro expositivo maquinaria as pontes mineria
centro expositivo maquinaria as pontes mineria
29 mar 2023

O Concello das Pontes inaugurará o xoves, 30 marzo, ás 19:30 horas, o Centro Expositivo da Maquinaria Mineira das Pontes (CEMAM).

Un espazo, asentado na antiga escola de Saa, que acollerá unha exposición permanente sobre a maquinaria empregada na extracción de carbón nas Pontes e no que, a través de vellas fotografías, maquetas de maquinaria e imaxes audiovisuais, o público visitante poderá coñecer as infraestruturas e equipamentos vencellados á actividade mineira, así como á implantación de novos modos de vida e traballo e a súa pegada no territorio.

O CEMAM acolle unha mostra da colección maquetística de 70 réplicas propiedade de Manuel Barro García, antigo traballador da mina das Pontes, que foi quen de recrear en miniatura moitas das máquinas que pasaron polas súas mans, así como outras anteriores, e que tivo como resultado, de ducias de horas de investigación e traballo, as alfaias que desde o día 30 de marzo se poderán ver neste novo espazo expositivo.

Unha exposición para viaxar tamén no tempo a través da ollada fotográfica do escritor e xornalista Ramón Loureiro Calvo que na década de 1990 convertía en luz o carbón a través da súa Leica M6 e que inmortalizou as máquinas e os homes que transformaron a paisaxe pontesa.

Unha obra excepcional da fotografía documental que adquire neste centro expositivo unha nova dimensión artística, coa intervención do artista e fotógrafo lucense Daniel Díaz Trigo que reinterpreta a obra de Ramón Loureiro para enxergar unha nova ollada sobre o pasado recente da mina das Pontes, que se fai presente unha vez máis, mantendo acesa a chama da lembranza.