As Pontes licita a obra de reparación do firme dos camiños do Rego, O Couce e o Castro

O Concello das Pontes aprobou o expediente de licitación das obras de reparación da capa de rodaxe en varios viarios municipais situados nos núcleos do Rego, O Couce e O Castro.
A actuación abrangue unha superficie total de 3.350 metros cadrados de vías de titularidade municipal situadas en contornos rurais do termo municipal, co obxectivo de mellorar o estado do firme e garantir unha maior seguridade viaria.
As intervencións distribúense en tres tramos: O Couce, en San Pedro de Eume, cunha superficie de 1.075,31 m²; O Castro, en San Xoán de Seixo, con 842,71 m²; e O Rego, en O Deveso, con 1.432,60 m².
As obras inclúen a limpeza e perfilado de cunetas para asegurar un correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a reparación previa das zonas deterioradas e con fochancas mediante a achega de grava e tratamentos asfálticos semiprofundos.
Posteriormente executarase unha nova capa de rodaxe de 3 centímetros de aglomerado bituminoso en quente tipo MSR-6 en toda a superficie de actuación, incluíndo os sobreanchos necesarios en función das condicións do firme existente.
No tramo do Rego prevese ademais a reparación específica dunha zona afundida do pavimento, co fin de recuperar a súa correcta rasante.
Unha vez finalizados os traballos de pavimentación, procederase á execución da sinalización horizontal, co pintado de liñas de bordo e demais elementos de ordenación viaria necesarios.
Esta intervención enmárcase no plan municipal de mellora e conservación da rede viaria rural, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e as condicións de circulación nos diferentes núcleos do municipio.