As Pontes organiza un curso de monitor de tempo libre que comeza o 29

TerraChaXa
O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Deportes, organiza un curso de monitor de tempo libre.
CURSO MONITOR TEMPO LIBRE CAMPAMENTO VERAN
CURSO MONITOR TEMPO LIBRE CAMPAMENTO VERAN
19 abr 2023

O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Deportes, organiza un curso de monitor de tempo libre.
Este curso, que permitirá obter ás persoas participantes o título de Monitor de Actividades de Tempo Libre, expedido pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, comezará o día 29 de abril e ofrecerá un total de 350 horas de formación teórico-práctica.

O módulo de formación teórica, de 200 horas de duración, que se impartirá os sábados no CEIP A Magdalena, en horario de 09:30 horas a 14:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas, permitirá ao alumnado adquirir coñecementos básicos en psicoloxía, socioloxía, saúde, plástica, animación, xogos deportivos e dramatización, entre outras materias.

O módulo teórico tamén inclúe formación sobre técnicas de campismo e aire libre que se desenvolverá nun sábado na área recreativa de Vilarbó (As Pontes) e impartiranse coñecementos de orientación e montaxe de tendas

O módulo de formación práctica constará de 150 horas, realizarase unha vez superada a fase teórica, e o alumnado poderá levala a cabo nos campamentos e campos de traballo xestionados pola escola de tempo libre Néboa ou ben no local da escola, colaborando no deseño das actividades de tempo libre que se programan na entidade ao longo de todo o ano.

O curso é de balde e para acceder a el é preciso ser maior de idade e estar en posesión do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, Graduado Escolar ou equivalente ou de Técnico Auxiliar en Formación Profesional.

As persoas interesadas en inscribirse e obter máis información chamando aos teléfonos 981453116 /669111183 ou enviando un correo ao enderezo escola@neboa.org