As Pontes prepárase para vivir unha nova edición da Noite Meiga

TerraChaXa
A cita será este martes, a partir das 19:00 horas, no espazo do Canal IV, cun completo programa de actividades pensado para todos os públicos
noite-meiga-as-pontes
23 Jun 2026

O Concello das Pontes prepárase para vivir unha das noites máis especiais do ano coa celebración da oitava edición da Noite Meiga, unha festa que busca recuperar as lendas, rituais e costumes tradicionais da noite de San Xoán, moi presentes na cultura popular galega.

A cita será hoxe, martes, a partir das 19:00 horas, no espazo do Canal IV, cun completo programa de actividades pensado para todos os públicos.

A xornada dará comezo ás 19:00 horas cun amplo programa de animación de rúa inspirado na maxia e nas tradicións da noite de San Xoán. Un equipo de animadores, animadoras, actores e actrices caracterizados como meigas, trasgos e outros personaxes do imaxinario popular galego interactuará co público ao longo de toda a tarde, construíndo historias a través de lendas, bailes e xogos participativos para o desfrute de persoas de todas as idades.

Entre as 19:00 e as 21:45 horas desenvolveranse diferentes xogos participativos e unha representación teatral centrada nos mitos e personaxes máis representativos da noite de San Xoán.

A partir das 20:30 horas celebrarase a tradicional sardiñada popular, unha das citas máis agardadas da xornada, que permitirá compartir mesa, tradición e convivencia arredor dun dos produtos máis vinculados á celebración de San Xoán.

Entre as 21:45 e as 23:45 horas, o equipo de animación percorrerá o recinto festivo realizando xogos de proximidade e intervencións itinerantes para acompañar ao público durante a cea popular e a actuación musical.

A música será unha das grandes protagonistas da noite coa actuación da orquestra La Banda de Ayer, que ofrecerá o seu primeiro pase entre as 22:15 e as 23:45 horas.
Xa na recta final da noite, entre as 23:45 e as 00:30 horas, os personaxes da Noite Meiga convocarán aos asistentes mediante tambores e percusión ata o espazo preparado para a luminaria, acompañando ao público nos momentos previos ao acendido da fogueira.

Á medianoite terá lugar o tradicional acendido da fogueira de San Xoán, que iluminará o ceo pontés nun dos momentos máis emblemáticos e simbólicos da celebración.

Tralo acendido, a orquestra La Banda de Ayer retomará a súa actuación cun segundo pase entre as 00:15 e a 01:45 horas.

A festa continuará a partir das 02:00 horas coa sesión musical de Alex DJ, que se prolongará ata as 04:00 horas, poñendo o broche final a unha noite de celebración, música, tradición e convivencia.

0.11406707763672