As Pontes presenta un completo programa sobre o 25N co lema 'Non as fagas invisilbes. Afina a mirada'

TerraChaXa | FerrolXa
A iniciativa combina actividades abertas á cidadanía, accións nos centros educativos e propostas de participación xuvenil
cartel-25N-as-pontes
16 Nov 2026

O Concello das Pontes presenta a programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dando continuidade á campaña «Non as fagas invisibles. Afina a mirada», unha proposta que busca implicar a toda a comunidade na prevención das violencias machistas e na construción de relacións baseadas na igualdade, o respecto e o bo trato.

A campaña deste ano pretende ampliar a súa presenza nos espazos cotiáns do municipio e convidar a cidadanía a afinar a mirada para identificar comportamentos e situacións de violencia que, en moitas ocasións, pasan inadvertidos ou están normalizados. Recoñecer o control, os celos, as presións, o acoso ou as diferentes formas de violencia no ámbito dixital é un primeiro paso fundamental para poder cuestionalos e actuar fronte a eles.

A programación combina actividades dirixidas á cidadanía en xeral con intervencións nos centros educativos, formación e sensibilización, prestando unha atención especial á adolescencia e ao papel das familias e da comunidade educativa na prevención.

A programación inclúe o 25 de novembro, ás 10:30 horas, na Biblioteca Municipal, a actividade «Relendo a vida: As violencias escritas por mulleres», unha proposta que invita a achegarse ás distintas manifestacións da violencia contra as mulleres a través da literatura e das voces femininas.

Ese mesmo día, ás 12:00 horas, a Casa do Concello acollerá a lectura da Declaración Institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A programación continuará o 26 de novembro, ás 18:00 horas, no Auditorio da Casa Dopeso, coa proposta «Coser e cantar», con Marta Ortiz, incluída no programa Xoves na Biblio e dirixida a público a partir dos 6 anos. Posteriormente, ás 18:30 horas, a Biblioteca Municipal acollerá o obradoiro «As tolas que non o eran», impartido por Carmen Valiña.

Ademais, durante o mes de novembro desenvolverase «Cara B das violencias machistas», un grupo de mulleres centrado no autocoidado e no apoio mutuo, que busca ofrecer un espazo de encontro, acompañamento e reflexión compartida.

Os centros educativos, protagonistas da prevención

O Concello das Pontes reforza tamén a colaboración cos institutos a través do programa «Igualdade, bo trato e prevención das violencias machistas», que reúne tres propostas destinadas a ofrecer á mocidade ferramentas para identificar as violencias, cuestionar os estereotipos de xénero e construír relacións saudables.

Os días 25 e 26 de novembro achegarase aos centros educativos o Punto Violeta, un espazo de información, participación e resolución de dúbidas no que dúas profesionais especializadas atenderán o alumnado e o profesorado. A través de xogos e dinámicas participativas abordaranse cuestións como os celos, o control, as presións nas relacións, o acoso ou as situacións de violencia nas redes sociais. Tamén se facilitará información sobre os recursos de apoio e as vías para solicitar axuda ou acompañar persoas que a precisen.

Outra das propostas será o obradoiro «Intelixencia artificial, sexualidade e relacións dixitais», dirixido ao alumnado de 3º da ESO e que se desenvolverá os días 27 de novembro e 3 de decembro. A actividade abordará os riscos asociados ao uso da intelixencia artificial para crear imaxes, vídeos ou voces manipuladas, especialmente cando se empregan para sexualizar, expoñer ou humillar outras persoas. O consentimento, a intimidade, o respecto e a responsabilidade á hora de crear, recibir ou compartir contidos dixitais serán os eixes centrais desta intervención.

A terceira iniciativa é o programa de creación audiovisual «Da idea ao guión», un concurso de guións que propón utilizar o cinema como ferramenta de expresión, aprendizaxe e sensibilización entre a mocidade.

Dirixido a todo o alumnado de educación secundaria, cun máximo de 16 grupos participantes, o programa convida a crear historias de ficción arredor de cuestións como os celos e o control nas relacións, a presión do grupo, as violencias machistas no ámbito dixital, o consentimento ou o apoio entre iguais.

O proceso comezará cun obradoiro presencial de creación de guións, de 50 minutos de duración, no que o alumnado achegarase ás ferramentas básicas da escritura cinematográfica, desde a construción dunha historia e dos seus personaxes ata o desenvolvemento da trama e dos diálogos.

Posteriormente, cada grupo elaborará a súa propia proposta coa coordinación do profesorado de referencia e co apoio dos materiais facilitados pola organización.

Un xurado integrado polo equipo técnico e por persoal das concellerías de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación será o encargado de seleccionar o guión gañador, atendendo a criterios como o tratamento da temática, a capacidade de sensibilización, a orixinalidade, a construción narrativa e a calidade da proposta.

Con esta programación, o Concello das Pontes reafirma o seu compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e coa prevención de todas as formas de violencia machista. Un traballo que require a implicación das institucións, dos centros educativos, das familias e do conxunto da cidadanía.

Baixo o lema «Non as fagas invisibles. Afina a mirada», a campaña lembra que a violencia machista non sempre se manifesta de maneira evidente e que a súa prevención comeza por aprender a recoñecela, cuestionar as condutas que a sosteñen e actuar colectivamente para construír unha sociedade máis igualitaria, libre e segura para todas as mulleres.

0.14915084838867