As Pontes realizará melloras de camiños municipais nos lugares de Pumar-Fragachá e Sexe

TerraChaXa
Son vías que conectan os núcleos rurais coas principais estradas do termo municipal e que presentan na actualidade un estado de conservación deteriorado
fragaxa-via-deterioro
11 Jun 2026

O Concello das Pontes levará a cabo a execución de obras de mellora en varios camiños municipais situados nas parroquias de San Pedro de Eume e O Aparral, nunha actuación centrada na mellora da rede viaria rural do municipio. O proxecto contará cun investimento de 120.413,15 euros e será financiado a través do Plan Mellora de Camiños Rurais, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

As actuacións centraranse na rehabilitación de varios tramos dos camiños de Pumar-Fragachá e Sexe, vías que conectan os núcleos rurais coas principais estradas do termo municipal e que presentan na actualidade un estado de conservación deteriorado, con fochancas, irregularidades e perda de firme.
A intervención ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria, optimizar a accesibilidade e garantir unhas condicións de circulación máis axeitadas para a veciñanza.

As obras incluirán tarefas previas de limpeza de cunetas, roza da vexetación nas marxes e reparación de deterioros mediante aglomerado asfáltico en frío, así como a regularización de zonas danadas.
Posteriormente, executarase unha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente, que permitirá reforzar o firme existente e mellorar o confort e a seguridade da circulación. Tamén se aplicará rego de adherencia entre capas para garantir a súa correcta unión.

O proxecto contempla igualmente a mellora da sinalización horizontal e vertical.

Con esta actuación, o Concello das Pontes reforza o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais no ámbito rural, facilitando a mobilidade e contribuíndo á mellora da calidade de vida da veciñanza.

0.131991147995