As Pontes recibe máis de 240.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental

TerraChaXa
Concello das Pontes recibiu 240.400 euros que destinou, entre outras medidas, á adquisición dun novo tractor para as brigadas ambientais.
visita fondo compensacion as pontes tractor
10 Dec 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou onte As Pontes, un dos concellos beneficiarios do Fondo de Compensación Ambiental impulsado pola Xunta para facilitarlles ás administracións locais a protección do medio natural. Ao abeiro desta liña, dotada este ano con 11,3M€ e que prevé un orzamento similar no vindeiro exercicio, o Concello das Pontes recibiu 240.400 euros que destinou, entre outras medidas, á adquisición dun novo tractor para as brigadas ambientais.

O novo equipamento supuxo un custe de 115.624 euros. A maiores, coa achega do Goberno galego realizáronse actuacións de mantemento na contorna do lago para uso recreativo, didáctico e divulgativo deste espazo natural, cun orzamento de 119.378 euros, obras no Picovello para evitar a degradación e a deterioración ambiental, ás que se destinaron 5.404 euros.

Nesta visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o vicepresidente segundo comprobou a funcionalidade do novo vehículo, adaptado á normativa de emisións que garante un motor máis respectuoso co medio. Segundo sinalou Diego Calvo, con esta actuación dótase as brigadas municipais de maquinaria axeitada para realizar o seu labor de roza e de limpeza de xeito áxil e preciso. A Xunta facilítalle así ao concello o mantemento de espazos naturais e de camiños a prol dunha maior dunha maior seguridade e desfrute da poboación.

A medida enmárcase no compromiso do Goberno galego coa sustentabilidade das administracións locais. Nesta liña, o vicepresidente segundo sinalou que o Fondo de Compensación Ambiental suma desde a súa posta en marcha, en 2010, un investimento superior aos 116M€ que os concellos destinan a actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural mediante a execución de infraestruturas,  a contratación de persoal e a adquisición de equipamento.

As melloras de eficiencia enerxética e a instalación de enerxías renovables son unhas das accións máis impulsadas ao abeiro desta liña de axudas, ademais da adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, redes de abastecemento e saneamento e a utilización recreativa ou didáctica dos recursos naturais ou o desenvolvemento de campañas divulgativas de concienciación ambiental.

Diego Calvo incidiu na relevancia desta iniciativa que permite reverter os ingresos do canon eólico nos territorios dos concellos afectados. Só nos últimos cinco anos, na provincia da Coruña investíronse máis de 14M€ para impulsar 334 proxectos destinados á protección do medio ambiente e do espazo natural.

Nova liña de apoio á eficiencia enerxética

O vicepresidente segundo remarcou que esta aposta pola sustentabilidade no eido local se vai reforzar o vindeiro ano cunha nova liña para actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais, dotada con 2,6M€ e que se vai cofinanciar con fondos FEDER.  O obxectivo é impulsar o aforro, así como reducir o impacto ambiental e as emisións de dióxido de carbono de inmobles e infraestruturas municipais.

Diego Calvo incidiu no apoio do Goberno galego aos concellos con outras medidas, como a Orde de infraestruturas de uso público, e diversas axudas para a prestación de servizos municipais nos eidos social, educativo das emerxencias ou da mobilidade, entre outros. “Esta colaboración tradúcese en achegas que en 2023 van sumar 564,3M€, o que supón un 15,5% máis que a contía deste ano para reforzar a autonomía local en todas as súas vertentes”, engadiu.

Por outra banda, o vicepresidente segundo referiuse á colaboración específica do seu departamento co concello das Pontes de García Rodríguez, que ascendeu nos últimos anos a case 3,5M€ destinados na súa maior parte a accións no eido ambiental e melloras nas infraestruturas municipais. Ademais cómpre sinalar que este municipio é un dos beneficiarios este ano das axudas para a compra de vehículos eléctricos ou híbridos polo sistema de renting para uso das policías locais. Trátase dunha medida que busca favorecer a renovación do parque móbil dos corpos de Policía Local de Galicia con vehículos máis sustentables.

0.19519805908203