As Pontes recibe o distintito SG City 50-50 polo seu compromiso pola igualdade de xénero

TerraChaXa | FerrolXa
O recoñecemento acredita o compromiso municipal coa incorporación desta perspectiva nas políticas públicas e supón a súa integración na rede de municipios comprometidos coa igualdade
distintivo-igualdade-concello-as-pontes
14 Sep 2026

O Concello das Pontes vén de obter o Distintivo SG CITY 50-50 a favor da igualdade de xénero, un recoñecemento ao compromiso do goberno municipal coa igualdade entre mulleres e homes e coa incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas locais.

O distintivo concédese no marco do proxecto europeo DIGECP, co apoio da Unión Europea, unha iniciativa destinada a impulsar a transformación das políticas locais desde unha perspectiva de xénero e na que participan xa máis dun cento de municipios de toda España.

O SG CITY 50-50 ofrece aos gobernos locais un marco para avanzar cara a unha xestión pública máis igualitaria, adaptado ás competencias municipais e aliñado coa normativa estatal e cos principais mandatos e tratados internacionais en materia de dereitos das mulleres, desenvolvemento humano, cidades e cambio climático.

Neste contexto, a Norma SG CITY 50-50 proporciona unha metodoloxía para implementar, avaliar e certificar sistemas de xestión orientados á igualdade, así como para establecer mecanismos de seguimento e mellora continua.

Para o Concello das Pontes, a obtención deste distintivo supón un novo paso na incorporación da igualdade como principio transversal da xestión municipal, tanto no funcionamento interno da administración como nas políticas e servizos destinados á cidadanía.

O seguinte paso será desenvolver as actuacións recollidas no Plan de Compromiso, que establece as liñas de traballo para avanzar nesta materia nos próximos anos. Entre os seus obxectivos figuran o reforzo das capacidades técnicas e políticas municipais, a integración da perspectiva de xénero na acción pública e a identificación e corrección de posibles situacións de discriminación e desigualdade.

Coa obtención do Distintivo SG CITY 50-50, As Pontes incorpórase á rede de municipios recoñecidos polo seu traballo a favor da igualdade e reafirma a súa vontade de seguir construíndo unhas políticas públicas máis xustas, inclusivas e igualitarias.

0.17691206932068