As Pontes recibirá 19.000 euros para voluntariado interxeracional no rural
A Xunta fixo público nos últimos días a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a listaxe dos municipios e entidades de acción solidaria que obteñen fondos para levar a cabo diversas propostas de voluntariado interxeracional no rural. En total, trátase de 18 proxectos por un valor conxunto que rolda os 500.000 euros e que se financiarán ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea (Fondos Next Generation).
Entre as propostas seleccionadas, o Concello das Pontes recibirá un total de 19.000 euros –en dúas anualidades, de 7.953,40 e de 11.046,60 euros–, que serán destinados a “paliar a soidade dás persoas maiores con xornadas de convivencia, saídas culturais ou obradoiros de receitas tradicionais, entre outros contidos”, especifica o goberno autonómico.
Ditas axudas están impulsadas pola Consellería de Política Social e Xuventude co obxectivo de “facilitar que persoas de máis de 55 anos transfiran a súa experiencia e bo facer a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou a posta en valor do turismo e do patrimonio rural galego”.
Outro dos fins que persegue o programa –desenvolvido entre 2022 e 2023– é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais no medio rural para a mocidade das devanditas áreas de poboación.