As Pontes retoma desde o día 7 o programa socioeducativo Espazo en Familia

TerraChaXa
Está dirixido a todas as familias pontesas con fillos e fillas menores de idade escolarizados
Imaxe recurso familia
1 Out 2024

O Concello das Pontes retoma a vindeira semana o programa de apoio socioeducativo “Espazo en Familia” dirixido a todas as familias pontesas con fillos e fillas menores de idade escolarizados nos centros educativos das Pontes.

Así, a luns, 7 de outubro, darán comezo as sesións grupais do programa, nas que, cunha periodicidade quincenal, se abordarán cuestións relacionadas coas etapas evolutivas da rapazada, coa xestión das emocións, cos principais ricos das pantallas e a prevención das adicións así como temas relacionados coa comunicación cos menores, o establecemento de límites e normas, as estratexias e resolución de conflitos ou os estilos educativos sobreprotectores, entre outras cuestións.

Esta iniciativa, en palabras de Tania Pardo, responsable da área de Benestar Social do Concello das Pontes “ten como obxectivo prioritario ofrecer aos pais e nais un lugar para compartir as súas inquedanzas sobre a crianza e educación dos seus fillos e fillas e poder abordalas con éxito, buscando que e as familias que participen neste programa, coa axuda de profesionais no ámbito da educación social, da terapia familiar e da psicoloxía e educación infantil, aprendan a desenvolver accións de crianza positiva que faciliten e promovan o desenvolvemento dos seus fillos e fillas”.

O programa inclúe tamén sesións individuais, encamiñadas a abordar temas máis personalizados das familias, creando un acompañamento personalizado no camiño da crianza e coloquios mensuais nos que se tratan temas de interese para as familias, da man de persoal técnico especializado en cada tema.

Todas as familias interesadas en participar nesta primeira sesión grupal, que se celebrará no segundo andar do Mercado Municipal, poden inscribirse no teléfono 606 70 66 88, no correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com ou no departamento de Benestar Social, no segundo andar da Casa Dopeso (R/Rosalía de Castro 28)

0.1983470916748