As Pontes reúne esta fin de semana a catro campións do mundo nunha gran festa do automobilismo

A segunda edición do Rallyshow Deputación da Coruña chega este domingo 16 de agosto ao circuíto das Pontes cun amplo programa dedicado ao automobilismo, no que a competición se combinará con exhibicións e actividades para todos os públicos. A xornada previa estivo marcada pola presentación da proba e pola presenza de catro campións do mundo de rallyes: Luis Moya, Stig Blomqvist, Miki Biason e Petter Solberg.
A rolda de prensa dos pilotos celebrouse este sábado coincidindo coas voltas de recoñecemento do trazado, nunha xornada na que, a pesar da choiva fina, se rexistrou unha notable presenza de afeccionados. No acto participaron tamén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira.
Formoso tivo a oportunidade de completar varias voltas como copiloto de Petter Solberg e puxo en valor a tradición automobilística existente tanto en Galicia como na comarca de Ferrolterra. O presidente provincial destacou a “afección que hai ao motor e aos rallys en Galicia en xeral e en Ferrolterra en particular” e sinalou que a presentación desta segunda edición, rodeada de campións do mundo, permite render homenaxe a persoas que dedicaron a súa vida a este deporte.
O presidente da Deputación tamén salientou o papel de Luis Moya na organización da proba, ao que definiu como “alma mater desta proba”. Segundo explicou, o excopiloto sempre está disposto a colaborar para que os afeccionados poidan gozar dunha fin de semana dedicada ao motor. Formoso apuntou ademais cara ao futuro da competición e expresou o seu desexo de que “o ano que ven, Carlos Sainz estará aquí, con Luis Moya ao seu carón”.
Durante a presentación, Petter Solberg destacou a traxectoria de Luis Moya e a paixón polo automobilismo que percibe en España. Tanto o piloto noruegués como Stig Blomqvist agradeceron o traballo realizado pola organización para conseguir reunir nas Pontes catro campións do mundo.
Miki Biason, pola súa banda, sorprendeu os asistentes polo seu dominio do español e referiuse á “increíble aficción que hay en A Coruña”. O italiano tamén puxo en valor a capacidade dos rallyes para contribuír á promoción dos territorios, lembrando que “los rallys son importantes también por la promoción que se hace del territorio, ahora mucha gente en Italia ya conoce donde está A Coruña”.
A actividade da xornada do sábado incluíu tamén a experiencia TRS de pilotaxe deportiva. Afeccionados previamente seleccionados puideron completar varias voltas ao circuíto a bordo dun Renault Clio RSR Rally2, acompañados por un instrutor profesional. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, están previstos os adestramentos libres dos pilotos que participarán na competición do domingo.
A programación incorpora ademais unha Fan Zone pensada como punto de encontro entre o público e as figuras convidadas. Os asistentes poderán achegarse aos campións do mundo para conseguir autógrafos e fotografarse con eles. O espazo contará tamén cun photocall oficial, unha exposición de vehículos, merchandising e diferentes actividades promocionais.
Se as condicións meteorolóxicas o permiten, un globo aerostático ofrecerá a posibilidade de contemplar As Pontes desde o aire. A organización tamén habilitou unha zona de restauración con churrasco, polbo e bocadillos, que permanecerá aberta durante toda a fin de semana.
O domingo será a xornada central do Rallyshow. As instalacións abrirán ás 9.00 horas e a programación combinará as diferentes mangas da competición con exhibicións de Carcross, Drift e outras modalidades do automobilismo.
Pola mañá celebraranse os adestramentos libres e a manga clasificatoria. Xa pola tarde chegarán os oitavos e os cuartos de final, seguidos das semifinais, a disputa polo terceiro e cuarto posto e a final, programada para as 17.45 horas. A entrega de trofeos terá lugar ás 18.00 horas, mentres que ás 18.30 horas está prevista unha última manga de exhibición cos pilotos convidados.
A proposta completarase cunha exposición de vehículos históricos, clásicos, deportivos e de competición, ademais de dous simuladores profesionais de rally. Para o público infantil instalarase un circuíto de educación viaria con karts a pedais, acompañado dun percorrido sinalizado e actividades centradas na seguridade viaria e na mobilidade responsable.
A música poñerá o punto final á fin de semana. Sés ofrecerá ás 19.00 horas do domingo o concerto de clausura, que pechará unha programación que combinará durante dous días automobilismo, exhibicións, gastronomía e actividades dirixidas a diferentes públicos.