As Pontes, sede doutra multinacional
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado por Ana Pena, concelleira de Industria, participaron na inauguración da empresa Allied Steel International, ubicada no Polígono de Penapurreira, nas antigas instalacións de Aceriusa.
Este acto contou coa presenza do propietario de Allied Steel International, Michael Lassner do director xeral da compañía, Rubén Serna e de Pablo Fernández, propietario das instalacións nas que se ubica a empresa especializada en fabricación e comercialización de estruturas metálicas.
Neste acto tamén participaron representantes do tecido industrial das Pontes, proveedores e empregados de Allied Steel International.
Esta multinacional ten presenza en 65 países, en catro continentes, e leva executado máis de 4.000 proxectos desde a súa creación. No caso da sede das Pontes, na que xa traballan 35 persoas e na que está previsto aumentar o plantel, a produción irá dirixida ao mercado norteamericano.