As Pontes: Senda da Calvo Sotelo

TerraChaXa
Consta dun percorrido circular sinxelo que permite coñecer o pasado industrial da vila a través de varios paneis informativos
senda-da-calvo-sotelo-as-pontes3
27 Oct 2024

A Senda da Calvo Sotelo é un paseo pola historia industrial da vila das Pontes para a que se habilitaron espazos en terreos de Endesa. A ruta parte da vila e vai percorrendo o pasado industrial a través de paneis informativos nos que se contan os aspectos máis relevantes do seu pasado industrial, como a chegada da fábrica de Enfersa ou a construción da primeira térmica da empresa nacional Calvo Sotelo, da que recibe o nome a senda.

O percorrido, que é circular e moi propio para facer unha tarde calquera, ten unha lonxitude de 2,9 km e hai distribuídos seis paneis que explican a industrialización desde inicios do século XX a beiras do río Eume.

O inicio desde o centro da vila faise á beira da ponte de Perfolla, onde empeza a ruta sinalizada, que se localiza nas inmediacións do complexo industrial da central térmica. Na parte da paisaxe, destaca o feito de que durante a ruta vaise acompañado do río Eume nas dúas marxes.

A Senda da Calvo Sotelo abriuse no mes de xaneiro de 2021 e discorre polo que foron terreos privados de Endesa. Esta forma parte do proxecto da nova circunvalación das Pontes e que tamén incluíu a construción dunha vía de acceso ao núcleo que separa a área industrial da residencial.

Ademais dos paneis informativos e da vista sobre a central, os paseantes poderán ver a illa da Ramalleira, na que comezou a celebrarase a Festa da Fraga alá polo século XX ata que se fixo a central.

Tamén poderá facerse un achegamento á antiga fábrica de fertilizantes e a primeira central térmica, Encaso e Enfersa.

Visítase tamén a escola de aprendices, o antigo edificio que ofreceu a oportunidade de formarse a numerosos veciños, que logo traballaron na central. Completa a oferta o Poboado das Veigas, o primeiro que se construíu e que data de 1946, que tiña como función ofrecer vivenda aos traballadores da Calvo Sotelo.

Esta senda está conectada directamente con outros percorridos diferentes, xa que por unha banda forma parte da ruta industrial das Pontes, un percorrido que ten dúas versións, a curta, de cinco quilómetros para facer nunha hora, e a longa, que é o dobre e que comparte a metade do percorrido coa primeira.

Ademais, pode facerse a senda e continuar despois facendo outra fermosa ruta, a da Ribeira, que vai desde o casco antigo das Pontes ata o encoro da Ribeira por sendeiros fáciles de andar e sen ningunha dificultade.

0.16315793991089