As Pontes traballa nun plan de infraestruturas verdes

TerraChaXa
O concello das Pontes traballa na elaboración dun Plan de Infraestruturas Verdes, unha folla de ruta que marcará a planificación urbana .
carballeira fragas do eume
26 Mar 2023

O concello das Pontes traballa na elaboración dun Plan de Infraestruturas Verdes, unha folla de ruta que marcará a planificación urbana medioambiental e paisaxística da vila co obxectivo de mellorar os espazos verdes do municipio.

Un planeamento que “incluirá estratexias e propostas de acción no que respecta ás zonas verdes do municipio para avanzar cara unha vila que concilie a defensa e a protección de todos os ecosistemas presentes no municipio co desenvolvemento do tecido económico” apuntan desde o goberno local.

Este documento, que servirá de referencia para unha xestión máis racional e unha mellor planificación das infraestruturas verdes ten entre os seus principais fins lograr xerar un equilibrio entre o espazo habitado e a súa contorna natural, sen oposición, promover espazos verdes como motor dunha economía sustentable, atraendo turismo de natureza, deporte e aventura e enriquecendo a paisaxe agraria, coa colaboración e implicación da veciñanza.

A realización deste Plan de Infraestruturas verdes implicará a análise de diferentes aspectos como os elementos vexetais existentes, o solo, a rede hidrolóxica, a rede de drenaxe, os elementos de obra civil e equipamento, a accesibilidade ou a mobilidade para, a partir dos resultados, establecer obxectivos, estratexias e cronogramas de actuacións sobre as zonas verdes que compoñen a infraestrutura verde municipal nas que se terán en conta tanto as cuestións técnicas como ecolóxicas, paisaxísticas, estéticas, históricas, patrimoniais, funcionais así como as necesidades da fauna para mellorar os espazos verdes e favorecer o seu papel protagonista no desenvolvemento da vila.

Para a elaboración de dito plan, no que se inclúe a biodiversidade dentro da planificación estratéxica da infraestrutura verde, teranse en conta tamén aspectos como a sustentabilidade, a conectividade co fin de aumentar a conexión dos espazos verdes coas áreas naturais (Fragas do Eume, Serras do Xistral e da Faladora) e cos concellos veciños, o cambio climático para, deste xeito contribuír desde o municipio a mitigar os seus efectos e poder contar unha masa vexetal capaz de absorber a maior cantidade posible de emisión de auga.

“A esencia da infraestrutura verde é a súa multifuncionalidade, atendendo a distintas  necesidades de forma simultánea: funcións ecolóxicas, produtivas e culturais, sendo a participación cidadá o eixo vertebral de todo o planeamento. Por tanto, os espazos verdes ricos en biodiversidade, poden desempeñar unha gran variedade de funcións simultaneamente e a moi baixo custo, en favor da natureza, das persoas e da economía” subliñan desde o goberno local.

0.16592717170715