As Pontes volve convocar a Andaina Solidaria Contra o Cancro que se celebrará este domingo

As Pontes celebrará este domingo, 7 de xuño, ás 11:00 horas, unha nova edición da andaina solidaria “As Pontes en marcha contra o cancro”, unha iniciativa xa consolidada no municipio que combina actividade física, participación cidadá e compromiso social, organizada pola Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
A andaina contará cun percorrido aproximado de 4,5 quilómetros polas rúas do núcleo urbano, cun itinerario circular con saída e chegada no Concello das Pontes. Trátase dunha actividade non competitiva e aberta a todas as idades, concibida como un espazo de encontro e convivencia arredor dunha causa común.
O obxectivo principal da convocatoria é a recadación de fondos destinados á investigación contra o cancro, así como o apoio integral a pacientes e familias, reforzando ao mesmo tempo a concienciación social sobre a importancia da prevención e da detección precoz.
O prezo da inscrición é de 8 euros para persoas adultas e 5 euros para menores de 12 anos, incluíndo en ambos casos unha camiseta e un dorsal solidario como agasallo conmemorativo da iniciativa.
As inscricións poden formalizarse nos establecementos colaboradores Óptica Baamonde, Saavedra, Bar A Cepa, Urbo Moda, Amas de Casa, Mayge e La Mercería, así como a través da plataforma en liña enmarcha.contraelcancer.es, facilitando a participación de toda a veciñanza.
Desde o Concello das Pontes e a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro, faise un chamamento á participación cidadá nesta xornada solidaria, que volverá converter a vila nun exemplo de implicación colectiva arredor dunha causa común.
A iniciativa busca mobilizar á veciñanza nun acto de apoio, sensibilización e compromiso social, reforzando o traballo conxunto na loita contra o cancro e no impulso á investigación.