As torres de Taboi e Sobrada, dous vestixios medievais en perigo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
As dúas construcións, que formaban parte dun sistema defensivo relacionado coa torre de Caldaloba, presentan graves problemas de conservación e figuran na Lista Vermella de Hispania Nostra
torre-de-taboi
8 Nov 2026

As torres de Taboi e Sobrada de Aguiar, en Outeiro de Rei, permanecen nun estado de deterioración avanzada, sen actuacións para garantir a súa conservación. As dúas construcións, vestixios de antigas fortalezas medievais, forman parte dun conxunto defensivo que, segundo a información histórica recollida, estaba relacionado coa torre de Caldaloba, en Cospeito. Mentres esta última foi obxecto de atención pública polo debate arredor da súa propiedade entre a Xunta e a Deputación de Lugo, as dúas torres de Outeiro de Rei continúan á marxe das actuacións de recuperación e figuran na Lista Vermella do patrimonio de Hispania Nostra.

A situación das dúas construcións preocupa polo avance dos danos estruturais e pola falta de mantemento. En Taboi, o que queda do antigo castelo é unha torre incompleta, de planta cadrada e muros de mampostería de lousa, situada nunha zona de cultivo. A construción, que formaba parte dun recinto fortificado, conserva pegadas da súa antiga distribución interior en tres plantas e un soto. O estado actual é ruinoso: presenta grandes fendas na fachada sur, vexetación e raíces nos paramentos e a falta de pedras na porta, unha circunstancia que incrementa o risco de derrubamento.

A torre foi a homenaxe dun castelo que, segundo a documentación histórica, contaba con foxos, recinto, torres e ponte levadiza. Taboi foi solar dos Saavedra e estivo vinculado a familias como os Aguiar, Ribadeneira e Bolaño, ademais de ser feudo dos Pardo de Cela. En 1585 consta que foi reparada, aínda que non se conservan documentos medievais sobre a súa construción. O escudo principal atópase actualmente no Museo Provincial de Lugo.

A situación de Sobrada de Aguiar é tamén delicada. A torre, de máis de quince metros de altura e planta cadrada, foi levantada probablemente no século XV por Fernán Pérez de Ribadeneira sobre unha construción anterior. Como outras fortalezas galegas, foi derrubada durante a Revolta Irmandiña de 1467 e posteriormente reconstruída polos Freire de Andrade.

A construción conserva elementos defensivos e arquitectónicos de interese, como as aspilleiras, as gárgolas, os ocos das antigas portas e os restos das divisións interiores. Porén, a maleza cobre parte dos muros, nos que se observan numerosas fendas e ocos. Un eucalipto de grandes dimensións medra xunto a un dos laterais e está practicamente apoiado na estrutura, o que compromete a súa estabilidade. Ademais, as edificacións anexas incorporaron elementos modernos, como uralita, formigón e bloques, que alteran a contorna histórica do conxunto.

A torre formaba parte dunha casa forte e dun antigo pazo vinculado ás familias Ribadeneira, Andrade, Aguiar, Bolaño e Maseda. A porta norte comunicaba coas dependencias do conxunto, mentres que un escudo con armas dos Andrade, Aguiar e Ribadeneira, que estaba na fachada, consérvase tamén no Museo Provincial de Lugo. A propiedade actual da torre corresponde á familia de Andrés Segundo Guerra Pita.

SISTEMA DEFENSIVO

As dúas torres de Outeiro de Rei non son elementos illados dentro da historia medieval da comarca. Segundo explica Miguel Vieito, estudioso da historia da zona, Taboi, Sobrada e Caldaloba estaban aliñadas e presentaban unha estrutura e un deseño arquitectónico moi semellantes. Formarían parte dun sistema defensivo no que as fortalezas podían comunicarse e servir de apoio entre si: se unha era atacada, as outras podían ofrecer refuxio.

Vieito, que tamén é membro do BNG e unha das voces que leva reclamando atención sobre estes vestixios, apunta que esta relación histórica permite entender as torres como parte dunha rede de construcións defensivas, e non só como edificios independentes. A súa conservación permitiría recuperar tamén unha parte da historia medieval da provincia de Lugo, marcada polas disputas entre familias nobiliarias e polos conflitos polo control do territorio.

AS REACCIÓNS DO BNG

A situación das torres chegou tamén ao debate político. O BNG de Outeiro de Rei presentou emendas aos orzamentos da Xunta para 2026 co obxectivo de reclamar actuacións urxentes para garantir a conservación, o mantemento e a posta en valor das construcións.

A deputada nacionalista Olalla Rodil denunciou que a Xunta e o Concello levan anos “sen impulsar medidas para consolidar uns edificios que están en ruína avanzada e presentan risco de derrubamento”. A formación reclama que ambas administracións elaboren un plan integral de conservación, rehabilitación e rexeneración dos inmobles.
O BNG defende, ademais, que a recuperación das torres podería convertelas nun recurso cultural e turístico para o municipio.

Desde o ámbito investigador tamén se reclama que o Concello lidere os contactos coas administracións competentes, entre elas a Xunta e a Deputación, para abrir unha vía de colaboración. A proposta non pasa necesariamente por unha intervención integral inmediata, senón por comezar polas actuacións máis urxentes: retirar a vexetación, tarefas periódicas de mantemento, avaliar os danos e eliminar os elementos que poidan comprometer a estabilidade das estruturas, como o eucalipto situado xunto á de Sobrada.

O obxectivo sería, nunha primeira fase, evitar que as torres se derruben. Despois poderían abordarse a investigación histórica, a divulgación e a creación de actividades culturais, visitas guiadas ou propostas de aproveitamento patrimonial. Miguel Vieito cita outros castelos galegos que conseguiron converterse en puntos de interese turístico e considera que Outeiro de Rei “conta cun patrimonio histórico que podería ter maior presenza na oferta cultural”.

0.15227198600769