As Xornadas Hume propoñen unha viaxe á memoria da Central Térmica das Pontes

TerraChaXa
Tras a proxección desenvolverase un coloquio aberto coa participación de antigos traballadores
vista-as-pontes-endesa-transicion
19 Jun 2026

A Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume celebrará este venres unha nova sesión das Xornadas Hume centrada na recuperación da memoria industrial das Pontes. A actividade terá lugar ás 19.30 horas na Casa Dopeso e contará coa proxección do documental Central Térmica das Pontes: memoria dende as súas entrañas.

O documental, cunha duración aproximada de 55 minutos, ofrece unha ollada ao pasado dunha das instalacións industriais máis emblemáticas da historia recente do municipio, a través de testemuños e imaxes que permiten coñecer a súa evolución e o seu impacto social e económico na comarca.

Tras a proxección desenvolverase un coloquio aberto coa participación de antigos traballadores da central térmica, que compartirán as súas experiencias profesionais e lembranzas vinculadas á actividade da planta ao longo dos anos.

Desde a organización destacan que esta iniciativa pretende contribuír á conservación e difusión do patrimonio industrial das Pontes, achegando á cidadanía unha oportunidade para coñecer de primeira man a historia dun complexo que marcou durante décadas o desenvolvemento do concello.

A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.

0.13651394844055