As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial serán o 25 e o 26 de xuño

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que organiza a Fundación Expomar, celebraranse finalmente os días 25 e 26 de xuño e a través de vídeo conferencia.
dummy ad
15 Xuño 2020

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que organiza a Fundación Expomar, celebraranse finalmente os días 25 e 26 de xuño e a través de vídeo conferencia. Así o anunciou o seu presidente, Alfredo Llano, que tamén se referiu a Produart 2020, unha cita que case con total probabilidade non se poderá levar adiante este ano.

O rexedor e presidente da Fundación Expomar explicou que “fixemos unha reunión do comité executivo de Expomar. Realmente o 28 de maio, deberiamos estar celebrando as Xornadas Técnicas, pero derivado de toda a problemática que xa coñecemos non se puideron levar adiante”.

Llano subliñou que “a Fundación Expomar ten o seu compromiso grande co sector náutico pesqueiro e querímos organizar algo durante este ano. Loxicamente como presencial vai ser algo moi difícil estamos vendo a posibilidade de organizar unhas Xornadas Técnicas e un Encontro Empresarial, pero de forma telemática”.

O presidente da Fundación Expomar contou que “as Xornadas Técnicas serán o 25 e o Encontro Empresarial o 26. Aínda estamos concretando os poñentes que queremos traer e así poder realizar a través de vídeo conferencia tanto as Xornadas Técnicas como o Encontro Empresarial”.

Alfredo Llano dixo que “nas Xornadas Técnicas queremos que se traten temas actuais como a repercusión que está a ter a pandemia no sector pesqueiro, cómo lle está a afectar e cómo se presenta o futuro e tamén no ámbito da alimentación. Queremos estar pendentes dos temas que agora mesmo lle preocupan ao sector”.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial terán lugar en horario de mañá de 10.30 a 13.00 horas “para que sexa participativo. Imos favorecer que a xente que se inscriba poida participar a través de preguntas e todo aquilo que poida servir para mellorar a situación do sector náutico pesqueiro”.

Na xuntanza tamén estivo enriba da mesa a organización de Produart 2020 “unha cita que se ven celebrando desde hai moitos anos. Non tomamos aínda unha decisión en firme porque estamos agardando un pouco pola Feira do Bonito, que aínda que son dúas cousas diferentes están ben complementadas. A día de hoxe estamos moi convencidos de que non será posible organizar esta nova edición de Produart porque, ademais de ser unha feira alimentaria cuxos produtos teñen que vir de moitos lugares, celébrase nun recinto pechado e iso influirá para non levar adiante a edición de 2020. É unha pena, pero agardaremos que todo isto se vaia superando e nas vindeiras edicións se poida facer cousa bonita, digna e útil para Burela”.

0.19598197937012