As xovencas de Acruga alcanzan un prezo medio de 3.820 euros na poxa celebrada en Pedrafita

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Besteiro acusa a Rueda de privatizar a atención aos maiores: “Catro de cada dez prazas acaban en mans privadas”
subasta-acruga-pedrafita
20 Sep 2026

As cinco xovencas preñadas de Acruga procedentes da Granxa Gayoso Castro alcanzaron un prezo medio de 3.820 euros na poxa celebrada esta mañá no recinto gandeiro de Pedrafita do Cebreiro, nunha xornada na que todos os animais superaron os 3.200 euros. Os exemplares foron adxudicados a gandeiros de Pedrafita do Cebreiro, O Corgo, Láncara e Sarria.

A cotización media quedou moi por riba dos 2.900 euros cos que partiron as poxas, continuando así a tendencia ao alza rexistrada neste tipo de citas. A menor cantidade pagada foi de 3.200 euros, aboados por un gandeiro de Sarria pola terceira xovenca presentada. As dúas primeiras alcanzaron os 3.600 e 4.500 euros e foron destinadas a explotacións de O Corgo e Pedrafita do Cebreiro, respectivamente. Pola súa banda, os dous últimos animais conseguiron prezos de 3.400 e 4.400 euros, con destino a explotacións de Pedrafita e Láncara.

A xornada contou cunha elevada asistencia de público, favorecida polo bo tempo, o carácter festivo da data e o feito de tratarse dunha das últimas poxas do ano. Na cita inscribíronse 26 gandeiras e gandeiros, todos eles procedentes de municipios da provincia de Lugo, cunha presenza destacada de criadores do propio concello e doutras localidades próximas.

As cinco xovencas preñadas procedían do centro de recría da Granxa Gayoso Castro e destacaban pola súa xenética e polas súas características morfolóxicas, produtivas e reprodutivas. Os compradores contaron, ademais, cunha axuda de 200 euros por exemplar achegada por Caixa Rural.

A poxa forma parte das últimas citas do calendario deste ano, á espera da subasta nacional de Adai, prevista para o sábado 24 de outubro en O Corgo.

A actividade enmárcase no XXXV Certame-Exposición de Gando Vacún de Pedrafita do Cebreiro, unha cita tradicional que reuniu centos de gandeiros e profesionais do sector e que incluíu tamén a celebración da Feira do Queixo, así como un pasarrúas e a entrega de premios.

O rabaño de Rubia Galega da Deputación de Lugo, criado na Granxa Gayoso Castro e xestionado en colaboración coa Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), constitúe un dos principais referentes para a mellora xenética desta raza autóctona.

Besteiro acusa a Rueda de privatizar a atención aos maiores: “Catro de cada dez prazas acaban en mans privadas”

O secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou no XXXV Certame-Exposición de Gando Vacún de Carne de Pedrafita do Cebreiro. Alí acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de usar as residencias de maiores como ferramenta electoral e de apostar por un modelo privatizador, fronte ao modelo público e próximo ás persoas que defenden os socialistas e que representa, entre outros, o centro de atención a maiores da rede da Deputación de Lugo neste concello.

"Estamos en Pedrafita acompañando aos gandeiros e gandeiras nunha feira que cumpre xa 35 edicións e que demostra que, cando se apoia o rural, o rural responde", afirmou. Besteiro lembrou o que significa esta cita para o concello e para toda a comarca: atrae xente e move o comercio e a hostalaría. E, sobre todo, recoñece o traballo dos gandeiros.

Nesta liña, o líder socialista felicitou o alcalde, José Luis Raposo, "que impulsa esta feira desde o principio", e tamén a ACRUGA polo traballo nesta edición e pola poxa de xovencas de Rubia Galega.

Houbo referencias tamén a un ano complicado. As medidas fronte á dermatose nodular contaxiosa, que a Xunta prorrogou ata finais de setembro, limitan as feiras aos animais procedentes de explotacións galegas e obrigan a desinsectacións e a períodos de vixilancia veterinaria. "Son medidas necesarias, pero tamén supoñen máis esforzo e máis custos para os gandeiros. E ese esforzo extraordinario ten que contar co apoio e coa compensación das administracións", defendeu.

Desde aí enlazou coa atención ás persoas maiores. "Pedrafita e o seu alcalde representan moi ben como entendemos os socialistas o rural. E tamén como entendemos a atención aos nosos maiores, coa residencia da rede da Deputación: un modelo de xestión pública, próximo, amable e preto das familias, para que facerse maior non obrigue a ninguén a abandonar a súa terra", sinalou.

Fronte a iso, dixo, está "o modelo de macroresidencias que propón a Xunta". "O deles é un modelo privatizador. O noso é o contrario: público, próximo ás persoas e baseado en criterios obxectivos e transparentes", resumiu.
E hai dous datos que, no seu criterio, Rueda ten que explicar. Dos 25 concellos escollidos no novo plan, 23 están gobernados polo Partido Popular. E o 40% das prazas previstas poderán quedar en mans privadas, porque o Goberno galego só garante que o 60% sexan públicas. "Iso non é reforzar o sistema público", advertiu.

"Imos esixir que a Xunta publique os criterios técnicos e explique por que uns concellos entran e outros quedan fóra", anunciou. Porque, suliñou, “as residencias teñen que responder ás necesidades das persoas, non á cor política dun concello".

0.14374613761902